Francisco Castro, Diego Giráldez e Claudia Morán, finalistas do Fernández del Riego

O galardón, dirixido a artigos literarios publicados en lingua galega e dotado con 10.000 euros, fallarase no último trimestre do ano en Pontevedra
O xurado do premio reunido onte en Afundación. ANXO LORENZO
photo_camera O xurado do premio reunido este luns en Afundación. ANXO LORENZO

Coiden da música, de Francisco Castro, publicado en La Voz de Galicia; A coreografía dos envoltorios, de Diego Giráldez, publicado na web de Praza, e Nunca nais, de Claudia Morán, publicado en Nós Diario son os tres artigos finalistas do XIX Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo literario. Así o anunciou o xurado do certame xunto á coordinadora de contidos culturais de Afundación, Marité Cores, este martes en Pontevedra. O gañador do premio, dirixido a textos publicados en lingua galega e dotado con 10.000 euros, darase a coñecer no último trimestre do ano.

Víctor Fernández Freixanes, Fina Casalderrey, Carlos Valle, Gloria Rodríguez e Míriam Ferradáns (gañadora da edición do ano pasado) compuxeron o xurado que escolleu aos tres finalistas. Dous deles repiten como tal: Diego Giráldez, que o foi en 2020, e Claudia Morán, que o foi o ano pasado.

Segundo explicou o presidente do xurado, Fernández Freixanes, este ano concurriron ao certame 27 artigos, 11 asinados por mulleres e 16, por homes. "A calidade mellora cada ano", sinalou, ao tempo que recalcou que este non era un premio de xornalismo, "iso é outra cousa", senón dirixido a escritores que escriben en xornais. Freixanes tamén comentou que a temática dos textos estaba relacionada "coa preocupación polo que pasa no país, a desfeita do mundo rural, esa Galicia que perdemos e que non debiamos perder, os conflitos de xénero. o Alzhéimer e os conflitos xeracionais".

De igual maneira, o presidente do xurado lembrou que o Fernández del Riego naceu en Pontevedra apegado ao Julio Camba, este último galardón creado por Caja de Ahorros de Pontevedra e que Afundación decidiu trasladar primeiro a Madrid e nos últimos anos a Santiago de Compostela. O ano que vén cumprirase o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego e 20 anos da creación do premio. 

Comentarios