Francisco Castro gaña o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

O escritor e director da editorial Galaxia recibiu no Café Moderno, "con agradecemento e emoción", o galardón de Afundación, que recoñeceu o seu artigo Coiden da música
Fernández Freixanes entregándolle o Premio Fernández del Riego a Francisco Castro no Café Moderno. DAVID FREIRE
photo_camera Fernández Freixanes entregándolle o Premio Fernández del Riego a Francisco Castro no Café Moderno. DAVID FREIRE

Polo artigo Coiden da música, publicado en La Voz de Galicia, o escritor e actual director da editorial Galaxia Francisco Castro recibiu este martes, no Café Moderno de Pontevedra, o XIX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, que concede Afundación. O autor expresou "o agradecemento e a emoción" de poder contar con este premio e tamén recoñeceu o valor dos dous autores que o acompañaron como finalistas, Diego Giráldez e Claudia Morán.

O encargado de abrir o acto foi o director xerente de Afundación, Pedro Otero, que quixo trasladar ás persoas finalistas os "parabéns por esta distinción, porque a concorrencia constante a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade escrita en galego e que, da man dos novos valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade". 

Xunto a el estiveron o presidente do xurado, Víctor Fernández Freixanes; o secretario, Carlos Valle; e as tres vogais, Fina Casalderrey, Míriam Ferradáns e Gloria Rodríguez.

Tras a intervención de Otero, falou a escritora, filóloga e profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, quen se achegou no seu relatorio á figura de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas no vindeiro 2023. "A raíz desta homenaxe,  Afundación decidiu convocar xa, coincidindo con este acto de resolución, a vixésima edición do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, que presentará as súas persoas finalistas no próximo mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas", informou a entidade convocante.

Finalmente, Fernández Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do "talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos. Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos, vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura". 
 

Comentarios