martes. 27.10.2020 |
El tiempo
martes. 27.10.2020
El tiempo

Francisco Rozados, 'Rochi', e Mariluz Montes lembran a Chano Piñeiro na Epa

Chano Piñeiro. ADP
Chano Piñeiro. ADP

A Biblioteca da Escola Para Adultos (Epa) de Pontevedra acolle este xoves (20.00, aforo limitado) a presentación do libro Lumiere de Nós. Chano Piñeiro, de Francisco Rozados Rochi, unha biografía sobre o pioneiro do cine en Galicia, publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que pretende render homenaxe á figura do realizador de Sempre Xonxa e Mamasunción cando se cumpren 25 anos do seu pasamento, intervirán o autor do volume, a viúva do cineasta homenaxeado, Mariluz Montes, e o profesor e artista Antón Sobral.

"Chano Piñeiro é, por dereito, pioneiro do noso cine", explica a editorial Fervenza. "El e mais Carlos Velo son os piares que sosteñen a súa curta historia. Con só seis películas, Chano gozou da encomenda de levar a nosa imaxe e a nosa lingua a través de catro continentes".

Esta biografía, que conta con prólogo de Miguel Anxo Fernández, "pretende contribuír ás homenaxes polo aniversario do falecemento coa lembranza de quen merece, máis que nunca, o noso respecto e a nosa admiración por ter sido o maior adaíl na defensa do audiovisual galego, que el axudou a levar á súa maioría de idade en tempos verdadeiramente difíciles e complicados".

O acto da Epa contará cunha serie de medidas de seguridade sanitaria obrigatorias. A organización prégalle ao público que se achegue 20 minutos antes da hora de inicio con máscara e respectando as distancias de seguridade.

Francisco Rozados, 'Rochi', e Mariluz Montes lembran a Chano...
Comentarios