''Galaxia nació para construír una conciencia gallega''

A piques de celebrar os 60 anos de historia, a editorial Galaxia vive este 2009 como un ano especial. Mirando atrás, a entidade creouse en 1950 e entre os seus fundadores figura Ramón Piñeiro, a quen a Real Academia Galega dediciu dedicar este ano o Día das Letras Galegas.

Mirando adiante, Galaxia sumouse recentemente ao tren da modernidade tecnolóxica, ao anunciar a dixitalización dos seus fondos no buscador Google. Dende o anos 2002, Víctor Freixanes ocupa o cargo de director xeral de Galaxia, asumindo entón o timón da editorial. Afronta o seu papel sabedor do catálogo histórico que ten detrás, o cal afirma que supón un orgullo e unha responsabilidade.

Pregunta: A Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas neste 2009 a Ramón Piñeiro, un dos fundadores da editorial Galaxia. Por que é merecedor desta homenaxe?

Resposta: Ramón Piñeiro é unha das figuras clave para entender a cultura galega contemporánea e, incluso, a historia da Galicia contemporánea na saída do franquismo e na construcción da democracia e da autonomía de Galicia. Non é a única, iso hai que dicilo ben claro, pero é unha figura fundamental. Iso dende o punto de vista da súa incidencia social.

Formou a varias xeracións de galeguistas, dedicou a súa vida a esa causa, e logo ten unha obra non moi extensa pero moi intensa... Eu recomendaría, por exemplo, aos amantes da lingua galega e a significación dun idioma que lean 'A linguaxe e as linguas', ese ensaio de Ramón Piñeiro que inaugura a nosa biblioteca de autor, ou que aborde a correspondencia entre el e Basilio Losada que publicaremos agora.

Creo que se algunha personalidade non ten discusión agora á hora de considerala para a celebración do Día das Letras Galegas é Ramón Piñeiro.

Mestura de política e cultura
P: O seu labor cultural tivo unha clara intencionalidade política. Que papel xogou, neste sentido, o seu traballo dende Galaxia?

R: A editorial Galaxia, cando se crea en 1950, creouse como unha plataforma de acción política. Non como unha plataforma de partido, aínda que basicamente quen constituiu a editorial Galaxia foron os restos do Partido Galeguista e das Mocedades Galeguistas. Pero si, diante da imposibilidade que eles consideraron para reorganizar formalmente o partido en Galicia, dada a circunstancia e as condicións en que tiñan que desenvolverse na dictadura, apostaron pola acción cultural.

Acción cultural que tiña unha dimensión política obxectiva, porque era a dignificación da lingua, era empatar con todo o que era memoria do galeguismo da República, pero tamén sementar nas novas xeracións dende unha perspectiva moi aberta, non partidaria, non con siglas por diante.

Pensando que o que había que facer era construír unha conciencia galega, unha conciencia da identidade de Galicia nas novas xeracións e cunha visión moderna, unha visión que permitise dialogar dende a cultura e dende a identidade de Galicia con todas as culturas do mundo, sen complexos. Iso foi o obxectivo estratéxico de Galaxia dende o primeiro momento e aí a figura de Ramón Piñeiro xunto ca de Francisco Fernández del Riego, a de Xaime Isla Couto, a de Otero Pedrayo ou Manuel Gómez Román, foron fundamentais.

Homenaxe ao 'pai' da editorial
P: Como vai ser a homenaxe de Galaxia a Ramón Piñeiro neste 2009?

R: Galaxia plantexouse dúas liñas de acción. Unha de tipo editorial que é a recuperación e a organización de toda a obra de Ramón Piñeiro, tanto os libros xa editados e coñecidos como algúns textos inéditos que foron aparecendo, como sobre obra en torno a Ramón Piñeiro.

Nese aspecto, estamos preparando un libro de Alonso Montero que sae sobre Ramón Piñeiro, a tese de doutoramento de Miguel Barros que é sobre Ramón Piñeiro, sacamos un libro de Beatriz García Turnes 'Vida e Obra de Ramón Piñeiro', despois estamos preparando o libro de conversas con Basilio Losada, un monográfico da revista 'Grial' que sae agora dedicado a Piñeiro e despois preparamos unha exposición, que non sabemos se inauguraremos en Lugo, onde nace Ramón Piñeiro, ou en Santiago, sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro.

Logo, dende a Fundación Penzol estamos traballando na reconstrucción, co apoio da Consellería de Cultura, do gabinete de Ramón Piñeiro, é decir, a famosa mesa camilla, mesa braseiro, o lugar onde el durante corenta anos recibiu a xente da oposición antifranquista, as novas xeracións, os profesores das universidades americanas que querían saber algo de Galicia...

Esa biblioteca e esa mesa camilla na rúa Xelmírez nº15 en Santiago de Compostela, será reconstruída exactamente igual, cos mesmos mobles...na Fundación Penzol que foi onde Piñeiro depositou todo o seu fondo, toda a súa correspondencia.

Tradición e tecnoloxía
P: Por outra banda, recentemente produciuse a dixitalización dos fondos de Galaxia en Google, responde esta acción a unha estratexia de internacionalización da editorial?

R: No fondo é ser coherentes cos principios. En 1950, Galaxia nace para a defensa da lingua galega e cara a súa normalización, nunha época moi dura, loitando contra a dictadura, ás veces medio na clandestinidade, pero cunha vocación de modernidade, cunha vocación universal.

Desde as coleccións de ensaios de Celestino Fernández de la Vega, ou o propio Domingo García-Sabell, Piñeiro, Rof Carballo, é dicir, un intento de que a lingua galega sexa un vehículo de relación universal. Nese aspecto, eu creo que, no século XXI, os grandes desafíos están aí.

Hoxe, afortunadamente, temos unhas liberdades democráticas, temos unhas capacidades de autogoberno que nos permiten estar no mundo... Pero hai que estar no mundo, porque se non estás no mundo non existes.

E estar no mundo significa estar, sobre todo, nas novas plataformas tecnolóxicas e o acordo con Google neste aspecto paréceme fundamental. Vai permitir que os fondos de Galaxia estean no escaparate da promoción que significa un buscador como Google. Iso non quere decir que non poidamos facer outros acordos con outros buscadores.

Democratizar a cultura
P: Google Books é un portal de consulta dos fondos, non de venta. Contemplan esta posibilidade nun futuro?

R: Si, pero a través de Galaxia sempre. A venda dos libros sempre se ten que realizar a través de Galaxia. A consulta dos libros na rede nunca é total, sempre é parcial, aínda que os datos clave dos libros están aí, pero despois estamos traballando na comercialización, tanto en papel, que é o que facemos agora, como no seu momento, no caso de que poidamos facelo, en dixital.

Para iso Galaxia está dixitalizando agora progresivamente todos os seus fondos, tanto contemporáneos como históricos, para que nalgún momento, cando se produzca a posibilidade de descargar en eBooks ou a través da informática doméstica o que significa un patrimonio histórico como o que dispón esta editorial, estemos en condicións de facelo.

P: Sen embargo, durante a presentación desta dixitalización, o profesor Arturo Casas prognosticou que a rede non fomenta crítica nos usuarios. Cal é o seu xuízo?

R: Arturo Casas dixo moitas cousas nesa reunión. Falou de que a rede era o gran vehículo de difusión, popularización e democratización da cultura. Falou tamén de que a rede era un dos grandes espazos para o acceso ao estudio, a vías de estudio e información.

O que si falou é que efectivamente o uso da rede, tal e como se está facendo, sen dedicar unha atención á formación dos usuarios, no que significa a revolución das novas tecnoloxías, impide ou polo menos non é suficientemente crítica ou polo menos co espírito crítico que nós desecamos. Eu, que estou de acordo nese aspecto con Arturo Casas, tamén direi outra cousa. Exactamente o mesmo vale para a televisión.

O problema que temos hoxe ca televisión é que é un gran medio de divulgación cultural e informativo, cunhas enormes posibilidades, pero tal e como se está utilizando embrutece a xente máis que a forma. E teriamos que plantexarnos se nas escolas non teriamos dedicar moita máis atención a formar espectadores, igual que prestamos atención a formar lectores e a formar consumidores críticos dos medios de comunicación para que non nos creamos todo o que nos contan. A rede está nesa mesma filosofía.

Unha editorial 'brillante'
P: Que papel xogou e xoga a editorial na difusión e conservación da cultura galega?

R: Iso téñeno que decir dende fóra, pero calquera que lle bote unha ollada á editorial Galaxia dende 1950, cun catálogo histórico onde eu creo que está o máis brillante da literatura galega de todos estes anos, do pensamento, un fondo de clásicos coma este…

Pois nós tódolos días enfrontámonos ao futuro, miramos cara adiante, con ese patrimonio detrás, pero mirando cara adiante. A aportación histórica está aí e hai un recoñecemento formal este ano coa Medalla de Ouro de Galicia, que o que se recoñecía era a súa aportación histórica. O desafío noso é saber que podemos ou que debemos facer nos próximos 50 anos.

P: Que supón para a Galaxia actual a súa ampla historia?

R: Pois un patrimonio moi importante e un valor simbólico. Unha empresa que ten detrás toda esa historia, todo ese catálogo, eses autores, etc. e que ademais os ten dun xeito fiel porque están aí dun xeito estable. Pois por unha banda é un orgullo e un valor obxectivo e por outra banda tamén é unha reponsabilidade porque Galaxia tamén é a Fundación Penzol, tamén é a Fundación Isla Couto, a Fundación Otero Pedrayo. Eses tamén son responsabilidade de Galaxia e resultado da existencia dese patrimonio histórico.

P: Entre os plans da editorial está o de extender a súa actividade fóra das nosas fronteiras?

R: Iso tamén é outro reto para o novo século. Dicía antes que ou estás no exterior ou non existes. Pero estar no exterior non é estar só na rede, senón tamén estar nos mercados internacionais, feiras do libro, que os nosos autores poidan ser traducidos, do mesmo xeito que nós queremos traducir ao galego.

Nese diálogo ca contemporaneidade de estar nos mercados exteriores obriga tamén a que a lingua e a creación galegas, traducidas a outros idionas e noutros soportes, estea neses mercados. E aí estamos rtaballando. De feito, agoras creamos un departamento do comercio exterior con esa intención, ademais da potenciación da web.

Mirada ao futuro
P: Como se plantexa o futuro da editorial un novo escenario no que se transformaron tanto os hábitos de consumo como os soportes?

R: Eu creo que o libro é un soporte moi estable e é probablemente o gran invento da humanidade para transmitir e conservar información e coñecemento, pero tamén para o pracer de ler. Pero o liobro vai convivir con outras formas, outras tecnoloxías e outras linguaxes da comunicación.

E unha cultura que non é máis que a capacidade que teña unha sociedade para crear discurso e distribuílo no mundo a partir dos seus propios intereses, da súa propia identidade, pois ten que ser capaz de dialogar con todas esas tecnoloxías, con todas esas linguaxes novas. Son os desafíos de futuro e é onde estamos traballando. E a cultura galega ou se sitúa nese horizonte e pacta co novo tempo ou non ten futuro. E eu estou convencido de que temos futuro.

Comentarios