Fronte a fronte por primeira vez

Álex Vázquez e Amelia Palacios protagonizan a IX edición de 'Na beira do río. Diálogos na pintura'
Os pintores Amelia Palacios e Álex Vázquez, nun mosaico composto por obras de ambos, no Pazo da Cultura. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os pintores Amelia Palacios e Álex Vázquez, nun mosaico composto por obras de ambos, no Pazo da Cultura. GONZALO GARCÍA

Son varias as primeiras veces que se conxugan na IX edición do ciclo expositivo Na beira do río. Diálogos na pintura, que se inaugura este luns (20.00 horas, entrada libre) no Pazo da Cultura de Pontevedra. Por primeira vez os protagonistas da proposta, que ten como comisario a Ramón Rozas, reúne obras dun pai e dunha filla, Álex Vázquez e Amelia Palacios. Por primeira vez eles dous expoñen a súa obra xuntos e sós, sen formar parte dunha colectiva. E por primeira vez mostraranse ao público a grande maioría das obras que compoñen a mostra, realizadas ex profeso para este proxecto e este espazo.

"Unha exposición xuntos é algo que tiñamos moitas ganas de facer, pero foise pospoñendo por unha cousa ou por outra, ata este momento, cando xurdiu esta oportunidade, que foi como un agasallo marabilloso", explica Amelia Palacios (Pontevedra, 1986) sobre esta mostra que pon a dialogar a súa obra, case inédita na súa totalidade nesta ocasión, coa do seu pai, que realizou aproximadamente un 75% de cadros novos para o Pazo da Cultura. En conxunto mostrarán arredor de 270 pezas nesta exposición, da que se tomaron moi en serio o nome para acabar retratando o río Lérez e a cidade na que desemboca dende diferentes puntos de vista.

Montaxe dun dos mosaicos da mostra


A propia Amelia Pazos publicou as imaxes da montaxe dun dos mosaicos que forman a exposición. A montaxe peza, composta por ata 60 obras, corre a cargo de PetrArtes.

"El diálogo entre nosotros surge de una forma absolutamente natural porque llevamos realizándolo desde mucho antes de esta muestra. Siempre ha estado ahí", apunta Álex Vázquez (Vigo, 1946). A exposición está chea de pequenas pistas que revelan que así é, dende os retratos que se fixeron entre eles, ata o vídeo que permite velos traballar de xeito parello, pasando por algúns dos primeiros zapatiños de Amelia, que o pai non quixo tirar e conserva no seu estudio, e que se expoñen nun recuncho da mostra adicado ao que sería a trastenda da creación. "O vídeo, que realizou Miguel Cabral, non só lle mostra aos demais como traballamos senón que mesmo nolo mostrou a nós. Pintamos a unha velocidade frenética os dous. Foi sorprendente velo".

Amelia Palacios
"A nosa é unha relación curiosa: compartimos moitísimas cousas, pero a obra é completamente diferente"

O diálogo estivo aí dende a primeira infancia da filla, que tivo un pincel, dende que tiña tres aniños, sempre a carón do cabalete do pai para colarse no taller cando se lle antollara e pintar ou facer falcatruadas con el. "Aínda que non tiveramos feito esta exposición, estariamos fronte a fronte igual, porque somos moi partícipes nos proxectos do outro. É unha relación curiosa porque compartindo tantísimas cousas como compartimos, logo as nosas obras son completamente diferentes".

Álex Vázquez
"Yo soy más impulsivo, más sucio, destrozo los pinceles, uso papeles... Ella es más delicada. Retrata el alma. Yo estoy apegado a lo físico"

ARREBATO. Usan os mesmos materiais, as mesmas cores e pintan case co mesmo arrebato, pero o resultado é totalmente distinto. "De feito, eu empecei pintando coas pinturas de meu pai, e aínda sigo mangándolle material, pero, despois, dende o trazo á pincelada e á mistura das cores, somos moi diferentes". Sen embargo, o diálogo existe. E as influencias mutuas tamén. Eran de agardar as do pai na filla, pero tamén existen ao revés. "Por supuesto. Yo he aprendido muchísimo de Amelia. Es una virtuosa de la pintura. Impresiona verla pintar y esto lo digo de forma totalmente sincera. Es muy autoexigente. Quizás yo soy más impulsivo, más de rasgo, de trazo, más intuitivo. Mientras, Amelia es más reflexiva. Yo soy más sucio, destrozo los pinceles, uso papeles, lo que tenga a mano... Ella es más delicada. Retrata el alma del paisaje. Yo, aunque lo retrato como lo siento, estoy más apegado a lo físico, a la realidad".

Para ambos é especialmente emocionante expoñer no Pazo da Cultura. "É un espazo marabilloso, dos mellores que hai en Galicia hoxe en día. Pero é que ademais está a contorna, o río...". Álex Vázquez concorda. "El Pazo da Cultura es un espacio espectacular. Y aquí, además, se ha sumado al río Lérez como eje temático, que es uno de nuestros lugares favoritos para pintar, dibujar, fotografiar, pasear... Lo llevamos dentro. En esta exposición se ha juntado un poco todo. Ha sido un lujo".

Na beira do río. Diálogos na pintura permanecerá aberta ata o 17 de novembro.

Comentarios