Valle Inclán en Compostela, no museo Granell

A Fundación Granell inaugura hoxe a exposición 'Valle en Compostela', coa lectura de textos sobre o autor dende o balcón do Pazo de Bendaña en Santiago.

A mostra reúne imaxes fotográficas do autor relacionadas coa súa estancia na capital galega e parte do epistolario que Valle-Inclán mantivo a mediados dos anos 30 con Azaña, así como documentos que dan testemuña da súa relación con intelectuais galegos como Castelao ou pezas feitas por artistas da vangarda galega en homenaxe ao autor, asinadas por Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo.

Para complementar a mostra, a Granell ofrecerá o martes 12 de xuño a partir das 19.30 horas unha conferencia a cargo de Xosé Manuel López Vázquez, titulada 'Valle-Inclán e a arte galega do seu tempo'.

O mércores 13 de xuño a partir das 19.30 horas está previsto un percorrido polos lugares composteláns de Valle, como a Fundación Torrente Ballester, a librería Galí, a Igrexa de Santa Salomé, o Teatro Principal, o restaurante O Asesino, a cafetería Derby e o lugar onde se atopaba a Clínica do Doutor Villar Iglesias.

Unha semana despois, o día 20 de xuño, o actor e autor teatral Roberto Leal ofrecerá unha creación que ten como base textual a correspondencia entre Valle-Inclán e Azaña no ano 1935 e unha escolame de fragmentos da súa obra literaria.

Ao día seguinte, está previsto que profesionais da comunicación galega acheguen ao público a faceta xornalística do autor de 'Luces de Bohemia'. Por último, o mércores 27, renderase unha homenaxe ao autor no cemiterio de Boisaca coa lectura de textos sobre Valle por parte de García Sabell, Abella, e Xaquín del Valle-Inclán, neto do autor.

Comentarios