Furious Monkey House están de volta en Pontevedra

A banda de rock presentará en directo o seu último traballo o 7 de marzo na sala Karma
Unha foto promocional de Furious Monkey House
photo_camera Unha foto promocional de Furious Monkey House

Tras pasar polo Inverfest de Madrid (unha programación da que tamén forman parte Nacho Vegas, Ele, Manel ou Explosions in the Sky) a banda de rock de Pontevedra Furious Monkey House volve a casa. O grupo presentará en directo o seu novo disco, Love, Scum & Dust, nun concerto que terá lugar o 7 de marzo na sala Karma (apertura de portas, 20.00 horas). As entradas están á venda en www.eventbrite.es (13,20 euros).

Mariña, Irene, Carlota, Amaya e Diego son os actuais compoñentes de Furious Monkey House. Xunto a eles tocan dous músicos profesionais coa cara cuberta por unha máscara de mono: o fundador da banda, o músico e docente Gonzalo Maceira, e o guitarrista Iñaki Jáuregui, que xa viña colaborando co proxecto.

O grupo empezou a funcionar como parte dunha experiencia musical e educativa en 2014. Ese mesmo ano actuou por primeira vez na sala Karma e no festival Surfing the Lérez. Os compoñentes tiñan entre 9 e 11 anos. Uns meses despois viaxaron aos estudios Abbey Road de Londres para gravar o que sería o seu primeiro disco, Run, e ficharon pola empresa de management Esmerarte, que tamén leva a Xoel López ou Vetusta Morla.

Agora, cos nenos convertidos en adolescentes, Furious Monkey House publica o seu segundo traballo, Love, Scum & Dust. "Hai unha gran diferenza entre o anterior disco e este: os temas que tratamos son máis complexos, as cancións tamén", dicían en setembro no Diario de Pontevedra.

Entradas esgotadas para Carolina Durante e Ladilla Rusa
A programación do 14º aniversario da sala Karma continúa esgotando entradas. Se hai uns días se anunciaba que estaba todo vendido para o concerto de Novedades Carminha (xoves 27 de febreiro), este martes coñeceuse que tampouco quedan entradas para as actuacións de Carolina Durante (venres 14 de febreiro) nin para a de Ladilla Rusa (sábado 15 de febreiro).

Ao longo de febreiro e marzo, pola sala irán pasando, ademais de Furiouse Monkey House, Alice Wonder, Amaro Ferreiro, Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Boyanka Kostova, entre outros. A información completa sobre datas, horarios e entradas pode consultarse na páxina de Facebook de Karma.

Comentarios