Os Furious Monkey House fanse maiores

A banda pontevedresa que saltou á fama en 2014 sacará o seu segundo disco, 'Love, scum, dust', a principios de ano ► O novo traballo supón un salto na traxectoria da formación con melodías máis sofisticadas e letras de temática adolescente que non evitan a crítica social

Imaxe promocional do segundo disco de Furious Monkey House, co apoio dun novo mono. MIGUEL VIDAL (CEDIDA)
photo_camera Imaxe promocional do segundo disco de Furious Monkey House, co apoio dun novo mono. MIGUEL VIDAL (CEDIDA)

Love, scum, dust. Ou o que é o mesmo: amor, escoria, po. Así se chama o segundo traballo dos nenos que en 2014 montaron unha banda xunto a un mono furioso que sorprendeu ao panorama musical e os levou por festivais co seu primeiro disco, Run. Máis de catro anos despois aqueles nenos son adolescentes e xa non falan de animais ou de xogos. Agora, o mono está enfadado e non dubida en deixalo patente nas cancións.

"Queriamos representar co título do disco as cousas que amamos, o que menos nos gusta da sociedade e todo o que xa non está, que sería o po", conta Gonzalo Maceira, mestre de música dos integrantes da banda, baixo e mono furioso á vez. Deste xeito, o profesor aclara que a banda é un proxecto educativo e, como tal, ten que ser cada vez máis esixente. Por iso este traballo supón un salto cualitativo na traxectoria de Furious Monkey House. Non só cambian as letras, que son máis maduras e tratan temas adolescentes, senón tamén as melodías. A produción musical é máis sofisticada e os integrantes da formación repasaron cada tema para conseguir emocionar a quen o escoite. "Hai guitarras que son verdadeiros trabalinguas", afonda Maceira. Dar forma a Love, scum, dust levoulle á banda dous anos de traballo nos que gravaron en estudios entre as cidades de Vigo e Pontevedra, en Planta Sónica e Estudio Bonobo.

Sobre os temas que tratan nas cancións deste disco, que sairá publicado a principios de 2019, Maceira resume: "puxémonos a criticar o que non nos gusta". Neste sentido, o profesor indica que é nas letras dos temas onde máis se nota o cambio. Ata agora, os integrantes da banda evitaban temas polémicos, pero esta vez métense de cheo no terreo da crítica.

A rebeldía adolescente está moi presente nas composicións. "Son rapaces de 15 anos e teñen xa outra forma de ver o mundo", sinala Maceira. Un dos temas fala precisamente da toma de decisións, da liberdade e da ansiada independencia da xente nova. Aplicada ao fenómeno Furious Monkey House, Leave me alone, que así se chama o tema, pode ser o himno dun grupo de rapaces aos que a fama lles chegou de sorpresa pero preferiron manter os pés na terra. "Con esa canción reafirmámonos no noso estilo, nas ganas de facer as cousas á nosa maneira independentemente do que nos diga ou nos recomende a xente", conta.

Neste sentido, Mariña, Carlota, Amaya, Irene e Diego, que conforman a banda xunto a Gonzalo, rebélanse contra os clixés e os patróns ríxidos. "Teñen 15 anos e están nun mundo no que a sociedade ve certas actividades como unha perda de tempo, como pode ser a música", explica o profesor. Outro dos temas do disco, Vudu generation critica a dependencia das novas tecnoloxías que teñen as novas xeracións comparando á xente nova con zombies abducidos polas pantallas.