Fuxan os Ventos apúntase aos Cantos de Taberna de Pontevedra

O ciclo de canción tradicional polos bares, que coordina Maravallada, chega aos barrios da Parda e de Virxe do Camiño
Integrantes de Maravallada durante un concerto. EMILIO MOLDES
photo_camera Integrantes de Maravallada durante un concerto. EMILIO MOLDES

Fuxan os Ventos adaptará parte do seu repertorio ao formato de canción tradicional popular para participar no ciclo Cantos de Taberna de Pontevedra. O mítico grupo de música folk galega, que se deu a coñecer nos anos 70, actuará como convidado especial nesta actividade que coordina a agrupación Maravallada para o Concello e que naceu co obxectivo de recuperar a interpretación de temas populares nos bares e locais de hostalería. A súa presenza é unha das grandes novidades da edición de Cantos de Taberna deste ano que, ademais, se expandirá polos barrios da cidade. En concreto, polos do Burgo e de Virxe do Camiño.   

"A participación de Fuxan os Ventos xestouse o ano pasado cando, na gala anual de Maravallada, lle fixemos entrega da nosa cunca de honra ao grupo pola súa contribución á cultura galega e polos 50 anos que cumprían no mundo da música", explica o presidente de Maravallada, Manuel Espiño.

Representantes do grupo viñeron entón a Pontevedra a recoller o galardón e aí coñeceron o proxecto de Cantos de Taberna e acompañaron aos anfitrións pontevedreses a cantar polos bares. "Gustoulles moito a experiencia e quedamos en que os convidariamos a participar". Fuxan os Ventos actuará o 28 de abril na Navarra e no Barallocas. "O que van facer é adaptar parte do seu repertorio ao que é a nosa filosofía: reducir a instrumentación ao mínimo e potenciar ao máximo a canción de viva voz", segue contando Espiño. "É unha honra para nós e para Pontevedra que veñan participar e penso que vai supoñer un pulo para o ciclo".

"Tiñamos moitas ganas de expandir a proposta e saír un pouco do centro para darlle a alternativa a esa veciñanza e ver se se apunta a cantar con nós"

Manuel Espiño apunta que, do mesmo xeito que Cantos de Taberna quere renderlle homenaxe a veteranía de Fuxan os Ventos, tamén segue a apostar por darlle protagonismo a novas agrupacións. "Nesta edición estará con nós Sons do Peto, unha formación de Campo Lameiro de recente aparición", di. "Vén sendo habitual no ciclo darlle cabida tanto a novas agrupacións que fan canto tradicional como a grupos da contorna". Sons do Peto cumpre as dúas condicións. 

Mentres os de Campo Lameiro actuarán no mes de febreiro, Peis d'Hos, que vén dende Cangas, farao en marzo. O ciclo será pechado por Os Carunchos, de Vigo, no mes de maio.

Ademais da participación dun grupo histórico da música galega, a outra novidade deste ano en Cantos de Taberna é a súa extensión máis alá do centro histórico. "Tiñamos moitas ganas de expandir a proposta e saír un pouco do centro, así que nesta edición incluímos dous días fóra do casco histórico. Haberá actuacións en dous barrios: mañá [por hoxe] no Burgo e en marzo, na zona de Virxe do Camiño e Eduardo Pondal", conta Manuel Espiño. "Queremos darlle a alternativa á veciñanza desas zonas e ver se se apuntan a cantar con nós. Que lembren que sempre levamos as letras e que as repartimos para que todo o que queira se sume á festa".

CALENDARIO
Os propios integrantes de Maravallada serán os encargados de abrir os Cantos de Taberna deste ano, que se prolongorán ata o mes de maio. En cada unha das xornadas, o grupo participante visitará dous establecementos. As actuacións terán lugar os últimos venres de cada mes entre as 21.00 e as 00.00 horas e están abertas ao público.

27 de xaneiro: Maravallada actuarán no Breogán e no Balixas
24 de febreiro: Sons do peto pasará pola Adega dos Avós e polo Americano
31 de marzo: Peis d’Hos cantarán no Zafire e no Sabor Colombiano
28 de abril: Fuxan os Ventos convidarán a cantar con eles na Navarra e no Barallocas
26 de maio: o ciclo pecharase este ano da man de Os Carunchos na Nasa e no Panderetas.

Comentarios