G Face: "Teño o dobre de ganas que de vertixe"

O músico de Tomiño, que vén de fichar Universal, actúa este sábado na Pobra do Caramiñal
O cantante de Tomiño G Face. DAVID FREIRE
photo_camera O cantante de Tomiño G Face. DAVID FREIRE

Gabriel Fandiño é G Face. "A G é de Gabriel e o de Face naceu dunha broma entre amigos sobre que era un guapito de cara. Fíxonos graza, gustounos como soaba e quedou". O músico de Tomiño, que vén de fichar por Universal con 21 anos, actúa este sábado nas festas da Pobra do Caramiñal (A Coruña). "Fichar por Universal é un paso importante, si. É inevitable sentir algo de vertixe. Penso que só un parvo non a sentiría", recoñece. "Pero teño o dobre de ganas que de vertixe". 

O concerto de G Face, no que estará acompañado polo seu corpo de baile, terá lugar ás 00.30 horas na Praza Alcalde Segundo Durán, xusto despois dun tributo a Queen e antes dun festival de DJ. "Agora que me instalei en Madrid, tiña moitas ganas de volver a Galicia", conta o artista. "Este ano fixemos moi pouquiñas actuacións. Unhas dez. Porque do que se trata, polo momento, é de ir tomando contacto co público e ver que pasa". 

G Face ten previsto presentar en directo na Pobra os seus temas, as cancións coas que se está a dar a coñecer (como Si eso pasó, que canta con Dama). Algunhas probablemente formen parte do disco que está preparando de cara ao ano que vén. "En outubro empezaramos a lanzar a artillería pesada de verdade", avanza. "Pero polo momento do que se trata é de ir probando cómo funciona todo en directo. Desta vez veño só cos bailaríns, pero a miña intención é montar despois un show potente con banda". 

Se puidera casar coa música, casaría. É un amor inexplicable. Sempre está comigo, todo o día. É o meu refuxio

Dende que marchou para Madrid, G Face non deixou de formarse. Agora mesmo está na escola de Beatriz Luengo. "Outra cousa que me gustaría moitísimo é probar a interpretación. O mundo do audiovisual chámame a atención. Gustaríame ver a onde podería chegar nese terreo. Entrar a formar parte do elenco dalgunha serie sería outro soño".

Ese soño complementaría a que é agora mesmo a súa aspiración principal: a de labrarse unha carreira no mundo da música. "Levo nisto moi pouquiño tempo", explica. "En serio, de maneira profesional, comecei cando coñecín ao meu representante e isto sucedeu xusto cando empezamos a superar a pandemia. A través do boca a boca escoitou falar de min e interesouse por coñecerme".

Pero o seu interese pola música comezou moito antes, sendo cativo. Criado entre Gondomar e Salvaterra de Miño, actualmente a súa familia está afincada en Tomiño. Foron precisamente membros da familia os que o levaron a interesarse pola música. "Miña nai traballaba de noite. Un día funa buscar coa miña tía e apareceume cunha guitarra e cun micrófono. Aí empezou todo". Esa tía á que se refire G Face é de Pontevedra. "Vive na Alameda e con ela, por exemplo, pasaba aquí as festas. Dígoche máis: as poucas veces na miña vida que me subín nunha noria foi aquí, nesta cidade. Teño uns recordos bonitos de verdade de Pontevedra".

Gústanme cousas moi diferentes e iso penso que se acaba notando. Inflúeme de todo, pero o que fago é pop

O rapaz conta que, a partir dese agasallo de súa nai dunha guitarra, cando el apenas tiña dez anos, foi que "algo fixo click" no seu interior. "Cambioume o chip". A música foise convertendo en algo cada vez máis importante. "Empecei a ter claro que a música era o meu. E que o ía ser para sempre. E cada vez estou máis convencido de que así é".

Empezou xogando coa guitarra e acabou compoñendo moi en serio. "Se puidera casar coa música, casaría. É un amor inexplicable. É algo que me acompaña absolutamente todo o día. Sempre está comigo", conta. "De feito, moitas veces teño preferido a música antes que a xente. A música sempre foi o meu refuxio". 

Ten 11 cancións no mercado. Esta semana xuntouse con produtores mexicanos cos que fixo uns temas novos que di que está desexando lanzar. "Nas miñas letras falo das miñas vivencias, do que me pasa", explica. "En canto a estilo, gústanme cousas moi diferentes e iso penso que se acaba notando. Influíume de todo. Pero se me preguntas que é o que fago, eu diría que fundamentalmente pop". Pop como o do seu último tema: C’est la vie.