Gabarrón rompe os muros do Museo

O artista, que ten un estudio en Bueu, ocupa o exterior e o interior do Edificio Castelao con esculturas e pinturas vinculadas con Galicia ▶ A exposición permanecerá aberta ao público ata o 14 de maio
photo_camera O Museo de Pontevedra inaugurou este xoves a exposición 'Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade'. VÍDEO: BELÉN LÓPEZ

Unha exposición que naceu por amor a Galicia e por necesidade de Galicia é a quedou inaugurada este xoves no Museo de Pontevedra. Confesouno o artista protagonista, Cristóbal Gabarrón (Mula, Murcia, 1945), creador de proxección internacional, que traballa a medio camiño entre España e Estados Unidos e que ten un estudio en Bueu. "Hace 25 años empecé a amar esta tierra y acabé integrándome en ella como la propia naturaleza".

Cristóbal Gabarrón (esquerda) charlando con Fátima Cobo e Antón Castro na inauguración da súa exposición no Museo de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Cristóbal Gabarrón (esquerda) charlando con Fátima Cobo e Antón Castro na inauguración da súa exposición no Museo de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O autor participou na apertura ao público desta mostra, que reúne por primeira vez a súa obra vinculada a Galicia. Xunto a el, á coordinadora de exposicións do Museo, Fátima Cobo, e ao comisario da proposta, Antón Castro. "Gabarrón rompe os muros do Museo", dixo este último facendo referencia á exposición de obras tanto no exterior do Edificio Castelao como no seu interior. 

En total son un cento de pezas as que forman parte de Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade, que se poderá visitar ata o 14 de maio, Entre elas están as tres de aceiro e fibra de vidro policromada da serie Siega, que se instalaron na praza que dá acceso ao Edificio Castelao. Tamén fóra da sala, na entrada do inmoble, está El mar que yo conozco, composta por seis barcas con crebas e outros elementos mariños. Xa dentro do espazo expositivo volven atoparse obxectos como cantos rodados recollidos nas Rías Baixas (na peza 101 stones) ou anacos de palmas convertidos en máscaras (Pieles), ademais de esculturas policromadas, cerámicas e pinturas.

"Hace 25 años empecé a amar esta tierra y acabé integrándome en ella como la propia naturaleza", dice

Antón Castro explicou que para o título da exposición se acudira a Manuel Antonio, "o poeta vangardista ao que admiraba Lorca". En concreto, Ronsel de saudade, está extraído do cuarto poema de De catro a catro. "O ronsel é a pegada", explicou.

Castro tamén explicou como Gabarrón asumiu unha conciencia atlántica como creador. Segundo dixo, percíbese no seu traballo, a influencia da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, así como contribucións dende un punto de vista etnográfico e antropolóxico. "A súa obra fala da xustiza, dos dereitos humanos e da natureza". 

No mesmo incidiu Fátima Cobo: "Pon no centro da sua obra ás persoas e ademais é permeable ao territorio que habita".

Comentarios