Sobre as gaitas de fol máis antigas do mundo

Pablo Carpintero profundiza na súa investigación sobre a datación dos punteiros galegos e avanza algúns datos este venres nunha charla-concerto, xunto a Rosa Sánchez, no Museo de Pontevedra. Tocará e falará dun subtipo de gaita de ronquillo particular da comarca.
Perfecto Feijoo coa gaita de ronquillo propia de Pontevedra que estudou Pablo Carpintero. BERNARDO S. COBIÁN| MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Perfecto Feijoo coa gaita de ronquillo propia de Pontevedra que estudou Pablo Carpintero. BERNARDO S. COBIÁN| MUSEO DE PONTEVEDRA

"Eu non sei se estou cambiando ou non a historia da música tradicional. Eu o que trato é de entender", di Pablo Carpintero (Castro, Carballedo, Lugo, 1969). O investigador, músico e artesán, que hai dous anos foi quen de documentar a gaita de Xan de Campañó como a máis antiga do mundo, ofrece este venres (19.00 horas, entrada libre), no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra unha charla-concerto, acompañado de Rosa Sánchez, para dar a coñecer algunhas das súas últimas descubertas. Entre outras cousas falará (e tocará) unha gaita de ronquillo propia da comarca de Pontevedra. Tamén contará como segue datando punteiros antigos, incluído un de Manuel Villanueva, que pertenceu a Perfecto Feijoo, que se conserva no Museo e que el estima que tamén pode ser de arredor do século XV. Elaborado en madeira de pau santo, con mesa de buxo e aneis de corno, ten un anel de remate da boca de latón.

"Nesta ocasión vou falar dos cinco tipos de gaita que existen en Galicia e, especificamente, das gaitas de ronquillo da zona de Pontevedra, que son bastante particulares". En realidade, gaitas de ronquillo hainas en toda a provincia da Coruña e en toda a de Pontevedra, "pero xusto na zona da capital da provincia, en Marín e en Poio hai un subtipo concreto, que se diferencia das outras na dixitación, no repertorio, na forma do fol...", explica Carpintero, que tamén tocará algunhas destas gaitas consideradas as máis antigas do mundo.

Casto Sampedro é unha figura de enorme relevancia porque se deu conta de que todo o que tiña que ver coa cultura tradicional tiña importancia

Segundo anuncia o Museo, no acto tamén se exhibirán as ferramentas do gaiteiro e artesán de Poio Manuel Villanueva (punzóns, coitalas, tarabelos, coiros, palletas, un pínfano e dous punteiros), claves nas investigacións de Carpintero.

O músico e investigador leva preto de tres décadas percorrendo o noroeste peninsular na procura das gaitas de fol máis antigas. Foi así que, hai dous anos, conseguiu datar a de Xan Tilve. "O que presentamos naquel momento foron as primeiras datacións que fixemos e que nos deron eses resultados sorprendentes de que había gaitas en Pontevedra que viñan usándose de forma continuada dende finais da Idade Media. Pero a fin dese proxecto aínda por estar por chegar". Todos estes datos forman parte dunha tese de doutoramento que lerá a finais deste ano.

Manuel Villanueva, Perfecto Feijoo e o Museo de Pontevedra son tres piares fundamentais no traballo de investigación que desenvolve Pablo Carpintero. "Manuel Villanueva foi un personaxe que tivo unha enorme importancia", subliña. "Dalgunha maneira está imbricado con Perfecto Feijoo e con Casto Sampedro ". 

Ao compromiso que tiveron os tres homes que menciona coa cultura tradicional di o investigador que lle debe as súas descubertas. "Perfecto Feijoo depositou no Museo todo o que herdou de Manuel Villanueva". Incluída esa gaita de ronquillo propia de Pontevedra. "Así que no Museo se conserva todo o material necesario para recuperalas". Mención especial merece Sampedro. "Primeiro porque se deu conta de que todo o que tiña que ver coa cultura tradicional tiña importancia. E despois porque tamén se decatou de que na propia provincia de Pontevedra había unhas particularidades interesantes que cumpría documentar. É unha figura de enorme relevancia".

Antecedentes: a datación do instrumento de Xan de Campañó
En abril do ano 2022, a Universidade de Vigo facía público que o investigador, músico e artesán Pablo Carpintero, en colaboración con matemáticos da propia universidade viguesa, desenvolvera un modelo, baseado no desgaste dos punteiros, que permitía datalos con precisión. Foi así que descubriu que había gaitas que permaneceran en uso dende a Idade Media en Galicia e en Portugal. Segundo a investigación levada a cabo por Carpintero, a gaita máis antiga do mundo documentada sería a de Xan Tilve, gaiteiro de Campañó. O modelo calculáballe unha idade mínima de 490 anos. As probas do Carbono 14 asignábanlle unha antigüidade de entre  550 e 600 anos.

Comentarios