Galaxia publica 'Do tempo e dos astros', dos trabajos etnográficos de Fraguas

O volume recolle dúas obras de caracter etnografico do autor de Cerdedo-Cotobade

Antón Fraguas. RAG
photo_camera Antón Fraguas. RAG

Do tempo e dos astros é a nova publicación de Editorial Galaxia sobre a obra do escritor Antón Fraguas, que neste caso reúne dous dos seus traballos etnográficos.

O libro, de formato pequeno e cunha tirada de 3.000 exemplares, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco da programación institucional das Letras Galegas 2019, que este ano se lle dedica a Fraguas.

En palabras do titular de Política Lingüística, Valentín García, que asistiu este luns á presentación do volume no Museo do Pobo Galego, indicou que se trata de "unha mostra máis do papel de Antón Fraguas como estudioso e divulgador da cultura popular, no seu afán por axudarnos aos galegos a recoñecernos nela para comprendernos e querernos a nós mesmos".

Do tempo e dos astros reedita dous traballos de perfil etnográfico do autor de Cerdedo-Cotobade: O culto aos mortos, conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo en maio de 1931 e publicada por primeira vez ese mesmo ano, e Preocupación polo tempo e os astros na crenza popular, que viu a luz en 1975, no tomo V do Boletín Auriense.

Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, presente tamén no acto de presentación celebrado esta mañá, explicou que o criterio seguido desde a editora foi botar man de dous textos "moi apartados no tempo, por unha banda o culto aos mortos, e por outro a preocupación polo tempo e os astros na crenza popular".

En palabras de Castro, os textos seleccionados demostran como a pesar da distancia temporal entre eles mantense unha enorme coherencia das liñas fundamentais do pensamento de Antón Fraguas e sobre todo das preocupacións que el tiña, moi evidenciada en ambos".

O responsable de Editorial Galaxia dixo que a intención da editora foi sacar á luz "unha edición absolutamente popular", xa á venda nas librarías ao prezo de 10 euros.

Comentarios