Galaxia reedita tres obras de Neira Vilas sobre a emigración, o rural e a infancia

As publicacións seleccionadas foron Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando Suso foi carteiro
Neira Vilas. ARCHIVO
photo_camera Neira Vilas. ARCHIVO

A Editorial Galaxia e a Xunta colaboran na reedición de tres obras clásicas do autor de Vila de Cruces Xosé Neira Vilas centradas nalgúns dos grandes temas que centraron a súa traxectoria: a emigración, o rural e a infancia. As publicacións seleccionadas foron Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando Suso foi carteiro.

As dúas primeiras, publicadas respectivamente en 1967 e 1973, viran en torno ao fenómeno da emigración galega, mentres que a última está enmarcada no xénero da literatura infantil e xuvenil e é unha homenaxe ao seu irmán, que exerceu como carteiro.

As novas edicións foron presentadas este martes da man do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, quen apelaron á coincidencia coa proximidade do sexto aniversario do falecemento do escritor.

Castro lembrou o peso da emigración ao longo da vida de Neira Vilas a través dos seus textos ficcionais, de artigos ou o seu activismo. Redondo, pola súa parte, incidiu en que "é un día feliz, que a obra de Pepe Neira teña unha nova vida é o eixo fundamental do noso traballo. Que perdure, siga vixente, en librarías e tendo lectores". Neste sentido, Valentín García estendeu este motivo de alegría "a toda a sociedade galega", ao tratarse dun dos autores "máis coñecidos e traducidos" das letras galegas.

A fundación Neira Vilas anunciou a celebración dun concerto lírico na Igrexa de Gres, este domingo, con motivo do aniversario do seu falecemento. Alí, un grupo interpretará varias pezas a partir de poemas do autor.

Comentarios