Un galego filma en Copenhague a recuperación dun veleiro de 1935

Antón Corbal, documentalista na Berlinale, grava tamén unha cinta sobre Oliver Laxe

 

O barco Hawila.EP
photo_camera O barco Hawila.EP

​LUGO. Antón Corbal agradece aos seus pais que, cando era cativo, o levasen vivir dende os semáforos e os porteiros automáticos da súa Coruña natal a unha casa de Cambre «na que tiñamos animais e horta». O cineasta salienta que os seus pais eran conscientes do «sentimento de desarraigo» que se agudizou nel.

Na universidade herculina ampliou os seus coñecementos sobre eses animais e esa horta que miraba cada mañá ao erguerse estudando Bioloxía. O seguinte paso foi cursar Comportamento, Conduta e Neurobioloxía na Universidade de Viena.

Corbal traballa dende hai cinco anos como documentalista nun dos certame de cinema máis destacados do mundo, a Berlinale, onde se ocupa de gravar actos, entrevistar a actores e directores e organizar datos sobre as películas. A maiores do comportamento humano no ámbito audiovisual, o director e produtor continou profundando nas raíces por dous camiños: filmando a rehabilitación dun veleiro de madeira en Copenhague -o camiño do mar- e o traballo de rodaxe dunha película de Oliver Laxe -o camiño da terra-.

O Hawila é un veleiro construído en 1935 en Noruega, que se dedicou a transportar xeo a Suecia a través do mar Báltico ata fins dos anos 50. Quedou abandonado nun porto sueco durante dúas décadas, pero en 1979 foi recuperado por un grupo de mestres que o dedicaron a travesías para recreo dos seus alumnos.

En 2008 foi comprado por un particular para o seu lecer, «pero acabou afogado polas débedas, polo que pensou en afundilo», sinalaba onte Corbal dende un peirao que está cercano ao aeroporto da capital dinamarquesa, Copenhague.

En 2014 apareceu un grupo de científicos novos -enxeñeiros, expertos en medio ambiente,...- de toda Europa que logrou que se perdoasen as contas sen saldar e que lles vendesen o baixel «por unha coroa a cambio de non poder dedicalo a nada lucrativo». A incorporación do biólogo e cineasta coruñés a este proxecto comezou hai dous anos. Consiste nun proceso similar ao que desenvolve na Berlinale: documentar os traballos de rehabilitación que se levan a cabo no barco rodando "Seeking for Utopia" ("Buscando Utopia").

Antón Corbal presentou o seu proxecto ao festival de cine medioambiental Cinemabiente de Turín no ano 2015 e foi recoñecido no apartado de proxectos, Cinemambiente Lab, entre outros corenta procedentes de toda Europa. Á produción italiana sumáronse a danesa e alemá.

«Na miña película amoso o traballo creativo de Laxe sobre a unión entre o mundo árabe e o cristiá»

A vía labrega para remontarse ás raíces «comezou hai cinco anos cando contactei con Oliver Laxe tras ler "Walden ou a vida nos bosques"», un libro publicado no ano 1854 no que o filósofo Henry David Thoreau narra os dous anos que viviu aillado nunha cabana onda o lago Walden, en Colorado (EE.UU.).

Daquela, Laxe xa rematara "París #1", a primeira das pezas que compoñen unha triloxía sobre a emigración galega e que levan nomes de lugares de recepción. A segunda é "Santos #2", na que está traballando, e a terceira será "Berna #3".

A proposta de Antón Corbal -que é produtor de "Santos #2", de Laxe- consitiu en rodar a filmación de Oliver Laxe baixo o nome de "Santos #2. Work in Progress" ("Santos #2. Traballo en desenvolvemento"). «Estiven gravando o proceso creativo de Oliver Laxe no lugar dos seus antergos en Vilela, en Navia de Suarna, no ano 2015 e despois, en 2016, na súa casa de Marrocos», explica o director.

«A miña idea é amosar o proceso creativo da película que está rodando Laxe en 16 milímetros, e en branco e negro» na que amosa «un punto de unión entre o mundo árabe e cristián, que todos somos similares; de que a vida nas montañas é semellante, que uns comen porco e outros comen cordeiro,pero que todos somos humanos».

Engade que «tamén amoso que unha tese de Thoureau», quen animaba a marchar da cidade, «que está chea de compromisos e que provoca alienación», co obxectivo de que «volvamos ser nós» cunha vida sinxela no campo.

ROTTERDAM. "Santos #2. Work in Progress" foi presentada a semana pasada no Festival de Rotterdam e será estreada en Galicia dentro do programa de Cineuropa,en Santiago, na edición deste ano. A cinta poderá verse tamén noutras parte de España ao longo deste ano.

Mentres agarda a que se celebre a Berlinale, que se desenvolverá entre os días 15 e 25 deste mes, Antón Corbal segue pendente do que acontece con Hawila unha vez que estean rematada a mellora. «Estes días temos que decidir entre todos o que facer co barco. A idea é facer transporte de viño ou doutros produtos coas velas para crear conciencia sobre o xeito no que consume o petróleo nos cargueiros, que contaminan máis que os coches», apunta o documentalista coruñés, que pretende sumarse a esta busca das raíces. Navigando, desta volta.

Comentarios