'Galegos universais' busca reivindicar a orixe galega de figuras históricas

A Libraría Pedreira de Santiago acolleu este xoves a presentación da edición en galego do libro
Presentación de 'Galegos universais' na libraría Pedreira
photo_camera Presentación de 'Galegos universais' na libraría Pedreira

A Libraría Pedreira acolleu este xoves a presentación da edición en galego de Galegos universais (Hércules de Edicións, 2016), un libro que busca reivindicar as figuras históricas de personaxes galegos cuxo orixe se mantivo oculto ou se modificou, como Cristóbal Colón ou Simón Bolívar.

O libro foi escrito por cinco autores e coordinado polo xornalista Alfonso Eiré, que aludiu á necesidade dunha obra que, como esta, "non busque ser historiográfica, senón divulgativa pero con rigor histórico", unha obra que, en definitiva, "non estea dirixida aos profesores da Facultade de Historia, senón aos meus veciños de Chantada, por exemplo".

Ao longo da historia de cinco personaxes, o bispo Prisciliano, o arcebispo Xelmírez, Cristóbal Colón, Simón Bolívar e Fidel Castro, Galegos universais busca ofrecer unha visión rompedora sobre a orixe destas personalidades e a súa relación con Galicia, sempre en base a documentos históricos. "Achegamos documentos novos que proban que Colón non era outro que Pedro Madruga", afirmou o coordinador da obra, Alfonso Eiré, que engadiu que "pronto sairán á luz novas informacións sobre este asunto".

Sobre a orixe de Fidel Castro, Eiré lembrou que era o propio revolucionario quen afirmaba que "se quixese podería votar en Galicia e mesmo presentarme ás eleccións" e que falaba de "nós os galegos" en primeira persoa.

O editor da obra, Francisco Rodríguez Iglesias, sinalou a necesidade de publicar obras "que aumenten a autoestima de Galicia, xeralmente moi baixa" e achacou esa falta de amor propio ao "descoñecemento da nosa historia".

Pola súa banda, outro dos autores do libro, o teólogo Victorino Pérez, lamentou que a figura de Prisciliano "estudouse máis en Francia ou Alemaña que aquí" e sinalou que "unha cultura que non se quere a si mesma está condenada ao esquecemento".

Comentarios