O Galegote renderalle unha homenaxe a Dany Moure cun concerto do seu grupo Moucho

O festival de música en galego, que se celebrará en distintos establecementos de Pontevedra o 27 de abril, incluirá a actuación de dous grupos portugueses: Duques do Precariado e Érika Machado
Moucho, o grupo liderado por Dany Moure, nunha actuación de 2022 no festival Galegote. RAFA FARIÑA
photo_camera Moucho, o grupo liderado por Dany Moure, nunha actuación de 2022 no festival Galegote. RAFA FARIÑA

A primeira homenaxe pública que se lle fará en Pontevedra a Dany Moure, músico da cidade falecido de xeito repentino o pasado verán, será no Galegote. O festival de música en galego anunciou que o primeiro dos seus concertos deste ano correrá a cargo de Moucho, banda liderada polo propio Moure. Os seus compañeiros subirán ao escenario en memoria do artista, ao que o colectivo Nothing but the Blues ten previsto dedicarlle unha xornada completa de música o 4 de maio (crowdfunding aberto na plataforma Verkami). 

O festival de música en galego, que terá lugar o sábado 27 de abril, foi presentado este venres polo seu promotor, Marcos Rivas, e polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. Entre as novidades deste ano, segundo contaron, está o regreso ás distintas localizacións pola cidade ao longo de toda a xornada, "porque o mellor ambiente para o rock and roll está nos bares"; a concentración dos concertos nun único día (como tamén se fixo noutras edicións), e a internacionalización da proposta a partir da introdución de dous grupos portugueses: Duques do Precariado, "que fan folk americano", e Érika Machado, "nacida no Brasil e afincada en Portugal", explicou Marcos Rivas.

Cartel do festival Galegote de 2024, realizado por Guillotina Estudio.
Cartel do festival Galegote de 2024, realizado por Guillotina Estudio.

O Galegote deste ano inclúe 14 actuacións de distinto tipo, todas con entrada libre e gratuíta. Abrirase (12.30 horas) cunha sesión infantil de Conto nas Verzas no Campiño de Santa María. Ao mesmo tempo Moucho estará no Tabula Rasa, o mesmo espazo no que xusto despois (13.00 horas) actuará Lacón sin Jrelos, "proxecto de reggaeton dun rapaz de Marín". Os concertos da mañá pecharaos o novo folk de Caldo (13.30 horas) no Panderetas e o pop urbano de Filloas (14.00 horas) na cervexería Nasa.

"Filloas é precisamente un dos tres proxectos que se poderán escoitar no Galegote que foron seleccionados este ano pola aceleradora musical Paideia", explicou Marcos Rivas. Os outros dous son Amoebo, que actuará en La Verbena (21.00) e hydn, que estará en La Pomada (22.00 horas). "Amoebo segue a liña de Ortiga e hydn é unha das artistas galegas máis prometedoras do momento".

Despedida de Ataque Escampe

As sesións da tarde abriraas, no Grifón (16.30 horas), o proxecto local que desenvolven conxuntamente Debajodelapalmera & Rodrigo Valiente e que mestura poesía e música. Despois virán Ataque Escampe en La Hormiga (17.30 horas), "no que probablemente sexa o seu concerto de despedida en Pontevedra"; Duendeneta Dilleis no Campiño de Santa María (18.30 horas), "cunha pinchada integramente en galego", e Zeltia Irevire no Diaño (18.30 horas), "en formato trío".

O Galegote deste ano pecharase con Michu da Rocha, "coa súa proposta de pop rock de autor con toques de humor", no Chirala (19.30 horas), e os mencionados Duques do Precariado en Sopa de Gallo (20.30 horas) e Érika Machado en The Groove House (23.00 horas).

Comentarios