Galicia foto a foto

Turismo Galicia e Afundación traen ao Café Moderno parte da serie de fotografías sobre patrimonio realizadas por Adolfo Enríquez ►A proposta, que viaxou a catorce cidades de nove países, quere contribuír a animar o turismo de proximidade, segundo Nava Castro
O fotógrafo Adolfo Enríquez entre algunhas das imaxes que forman parte da exposición do Café Moderno. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O fotógrafo Adolfo Enríquez entre algunhas das imaxes que forman parte da exposición do Café Moderno. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Unha foto do Cruceiro do Hío en Cangas dálle a benvida ao visitante á exposición Galicia a un paso de ti, que Turismo Galicia e Afundación veñen de inaugurar no Café Moderno de Pontevedra. A Festa do Viño Albariño de Cambados e o Mosteiro de Armenteira en Meis son outras das imaxes que forman parte desta mostra, que se poderá visitar ata o 17 de xullo e que documenta parte do patrimonio galego a través dunha serie de fotos de monumentos, tradicións e paisaxes.

O autor das imaxes, o fotógrafo Adolfo Enríquez, explicou este maryes, na inauguración da exposición, que esta serie, realizada por encargo da Xunta de Galicia e composta por 216 fotos (agora mesmo exhíbese unha parte delas en Pontevedra e outra en Ferrol), viaxou a catorce cidades de nove países dende 2014. "Tras dar a volta ao mundo volve a Galicia", dixo. "É unha mostra da realidade cultural e paisaxística que aquí agarda aos visitantes. Estruturada a través dos xeodestinos de Turismo Galicia mostra currunchos de beleza imcomparable e arte sen parangón aos que moitas veces non lle damos a relevancia que merecen quizais pola súa proximidade".

A relación da exposición co turismo está moi presente, mesmo agora que itinera por Galicia. Así o sinalou en Pontevedra a directora de Turismo Galicia, Nava Castro, que relacionou directamente esta proposta coa promoción das viaxes e do consumo de proximidade por parte da Xunta, bonos turísticos incluídos.

Algunhas das imaxes que forman parte da exposición do Café Moderno. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

PANDEMIA. "Esta exposición lembra a sorte que temos de vivir aquí e o que nostoca en recursos turísticos", sinalou Nava Castro. "É unha maneira de recordar todas as xoias das que estamos rodeados. Máis aínda neste momento de pandemia, no que tratamos de promover o turismo de proximidade en Galicia".

Xunto a Enríquez, que é autor dos libros Hacia Santiago e Sinte Galicia, e Castro, tamén participou na inauguración deste martes a coordinadora adxunta de Cultura de Afundación, Paloma Vela. "Esta colaboración entre Afundación y la Xunta, enmarcada en el Año Xacobeo, nos permite redescubrir la belleza incuestionable de Galicia y ese paisaje que ha ido moldeando la identidad de los gallegos", dixo Vela, que relacionou tamén a proposta co interese de Afundación por axudar a divulgar o patrimonio galego co obxectivo de promover o coidado da contorna. "Porque de lo que se trata es de que toda esta belleza se conserve".

Galicia a un paso de ti, unha exposición que di sustentarse en tres piares: natureza, patrimonio e Camiño de Santiago, permanece aberta ao público de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.

Comentarios