Galicia rende homenaxe a Luísa Villalta, "activista polo idioma" e muller "comprometida"

Autoridades e familiares reivindican a obra e a figura de Luísa Villalta no acto institucional do Día das Letras Galegas na súa cidade natal, A Coruña
Acto en homenaxe a Luísa Villalta celebrado este venres na Coruña. M.DYLAN (Europa Press)
photo_camera Acto en homenaxe a Luísa Villalta celebrado este venres na Coruña. M.DYLAN (Europa Press)

Autoridades e familiares de Luísa Villalta reivindicaron este xoves a obra e a figura da escritora coruñesa, á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, no acto institucional no que se definiu a autora como unha "activista polo idioma" e á que se cualificou como unha muller "comprometida". 

O Teatro Colón foi o lugar escollido para o acto institucional, promovido pola Xunta e o Concello da Coruña, cidade na que naceu en 1957, na que viviu parte da súa vida e que sería material principal da súa obra. 

Así o puxo de manifesto a súa irmá na lectura dun dos poemas de Villalta, falecida en 2004 e que compaxinou a súa profesión como docente coa de escritora e violinista, entre outras actividades. 

Susana Villalta agradeceu a implicación das distintas institucións e entidades na difusión de "a súa palabra", en referencia aos distintos textos da súa irmá, principalmente vinculados á poesía, pero tamén con obras narrativas, ensaios, teatro ou columnas en medios de comunicación.

Familia e autoridades

"Un traballo sempre por Galicia e captando a esencia da Coruña", remarcou nun acto con presenza de Rosa Cedrón para amenizar a velada e ante familiares de Villata como a súa nai e outros achegados, ademais das autoridades presentes. 

Freixanes e Rueda saúdanse ante a nai de Luísa Villalta e a súa irma, este venres na Coruña. EFE
Freixanes e Rueda saúdanse ante a nai de Luísa Villalta e a súa irma, este venres na Coruña. EFE

Entre elas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, José López; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, ademais de académicos da Real Academia Galega (RAG), entre eles o seu presidente, Víctor F. Freixanes

Este último destacou a "significación social" de Villalta. "Era unha activista polo idioma, polas causas xustas, polo que vale a pena loitar", resumiu sobre a súa figura e para incidir tamén en que formou parte dunha xeración que non se formou inicialmente no galego pero que se incorporaron "activamente á loita pola dignidade do idioma, pola dignidade de Galicia".

Freixanes chama a "corrixir erros" nun pacto polo galego

Máis aló da figura da autora, o presidente da RAG instou a "corrixir erros" nun pacto polo galego con implicación de "todos". "Corenta e uns anos despois da Lei de Normalización Lingüística e 20 anos despois do Plan de Normalización, que só se chegou a executar parcialmente, debemos afrontar a realidade do idioma". 

"Pensando no seu futuro, no seu proxecto, máis aló das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro", insistiu. Para iso, considerou necesario "sentar a falar" de cara a deseñar "un novo horizonte que corrixa erros e abra esperanzas".

"E quizais todos ceder algo", expuxo tamén ao considerar que deben escoitarse "todas as voces, sen excluír a ninguén", xa que, a pesar dos "pasos xigantecos" dados, insistiu na necesidade de abordar cambios para facer fronte á transformación rural, a mobilidade social, así como os hábitos de consumo das novas xeracións. 

Rueda pide consenso para facer "rexurdir" o galego

No mesmo acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou a "non romper o consenso na defensa do galego" e a "unirse para facelo rexurdir". "Rompelo sería tanto como imitar modelos que mostraron a súa ineficacia, a forza da nosa lingua reside no noso pobo", sentenciou despois de que no Parlamento galego o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, expuxese un pacto polo idioma galego. 

Rueda apelou a un traballo "entre todos e contra ninguén" para incentivar o uso deste idioma, "evitando métodos alleos á nosa sensibilidade" e con "harmonía" entre o galego e o castelán. Tamén reivindicou "o necesario impulso a unha lingua que nos une".

"Non é patrimonio de ninguén, é patrimonio de todos", insistiu na súa intervención na que admitiu que "queda moito por facer" para incentivar o uso deste idioma. 

No que respecta a homenaxeada no Día das Letras Galegas, o presidente da Xunta destacou a "capacidade de crear un mundo en cada palabra" da autora. "Unha creadora que cultivou con mestría varios xéneros literarios", expuxo tamén. 

Dela dixo tamén, ademais de destacar a súa implicación en "debates sociais", que a súa figura "resume unha xeración" de autores e autoras "que modernizaron a nosa literatura, a nosa cultura, a nosa identidade e orgullo". 

Inés Rey aposta polo "galeguismo amplo"

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclamou este día como unha "celebración de país" e "de cidade" pola homenaxe a unha "coruñesa". "Obra imprescindible", dixo a rexedora sobre o traballo de Villalta, á que cualificou, como outros, como unha muller "comprometida". 

Así mesmo, instou a aproveitar esta conmemoración para defender o galego e practicar "o galeguismo amplo e plural", que recolla "diferentes realidades e diferentes sensibilidades políticas". Por iso, abogou por "repensar a forma de facer Galicia".

Comentarios