Galicreques ofrecerá 12 funcións para o público escolar de Santiago na súa 27ª edición

Compañías procedentes de Galicia, Aragón, Uruguai, Andalucía, Bosnia ou Perú actuarán para o alumnado de escolas e institutos en espazos como o Teatro Principal, o Edificio SGAE ou o Centro Sociocultural de Santa Marta 
'A barca do inferno', de Nauta. EP
photo_camera 'A barca do inferno', de Nauta. EP

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura y Deporte a través do Inaem ou a Fundación SGAE, ofrecerá un total de 12 funcións para o público escolar na súa vixésimo sétima edición, que se celebrará un ano máis en Santiago de Compostela entre o 8 e o 16 de outubro.

O programa escolar, que contará cunha extensión entre os días 17 e 19, é un dos grandes sinais de identidade de Galicreques, encontro que aposta dende hai máis dun cuarto de século polo achegamento directo aos espectadores e mais pola creación de públicos. 

O programa de funcións escolares comezará o luns 10 de outubro e desenvolverase ao longo de toda a semana lectiva, a excepción do mércores 12 de outubro, xornada festiva polo día do Pilar. A primeira das representacións correrá a cargo da compañía uruguaia Coriolis, que levara ás 10.30 horas ao escenario da SGAE a súa obra Trapos.

Ese mesmo día, ás 11.30 h, actuarán no Centro Sociocultural de Santa Marta os andaluces de Teatro de las Maravillas co seu El patito Feo e xa ás 12.00 horas, o Teatro Principal recibirá a Títeres Cachirulo coa montaxe Dinosauros (O regreso dos sauros). 

Xa o martes, ás 11.30 h, a programación pensada para o público escolar continuará no Teatro Principal cunha peza destinada aos institutos: A barca do inferno, da compañía galega Nauta. Pola súa banda, Coriolis ofrecerá un segundo pase da súa obra Trapos. Volverá ser, igual que o día anterior, na sede da SGAE ás 10.30 h. 

Cartel Galicreques
Cartel do Festival Galicreques

O xoves, tras a parada do día festivo, repetirá por terceira e última vez a compañía uruguaia, mais desta volta brindará un espectáculo para o alumnado de institutos: Pasos largos. Trátase dunha peza de teatro de obxectos que se poderá ver no Principal ás 12.00 h. Pola súa banda, a formación aragonesa Teatro Arbolé terá a súa quenda ás 11.30 h co seu espectáculo La Biblioteca imaginaria. A representación celebrarase nun dos espazos emblemáticos de Galicreques: a Carpa da Alameda. 

O venres dúas funcións continuarán coa carteleira escolar do festival: No Teatro Principal, ás 12.00 h, os arxentinos de Tres Tigres ofrecerán aos maiores de doce anos o seu ¿Que hacemos con Ubu?, mentres que a compañía Hugo e Inés, procedentes de Bosnia e Perú, representarán Miniaturas na SGAE a partir das 10.30 h. 

Galicreques ampliará a súa programación escolar máis aló das datas de celebración do propio festival con tres funcións especiais no edificio da SGAE destinadas ao público máis cativo: os menores de 1 a 5 anos. O luns 17 actuará a formación Monicreques Larei Lara, que representará Güe Güe. O martes 18, a quenda será de Títeres Cachirulo e a súa peza Cucu Tas Tas. O mércores Danthea Teatro presentará a súa visión de Cincenta. Estas tres obras serán ás 10.30 h. 

Para levar o seu alumnado como público destas representacións, os centros de ensino poden anotarse xa chamando aos teléfonos 981801237 e 667771147 ou contactando por escrito a través da seguinte dirección de correo electrónico: [email protected]

Comentarios