"Gañar este premio é un aliciente para seguir desmontando estereotipos de xénero"

Graduada en Educación Infantil, esta pontevedresa é unha das galardoadas pola Deputación por incluír o xénero no traballo de fin de grao, no seu caso no ámbito científico. Desde as aulas ve a necesidade de traballar co alumnado na erradicación dos roles para que non volvan confundir unha paleontóloga cunha xardiñeira
Cristina Pérez Carmuega, gañadora do premio Sofía Novoa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cristina Pérez Carmuega, gañadora do premio Sofía Novoa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedresa de 28 anos, Cristina Pérez Carmuega vén de gañar un dos premios Sofía Novoa, convocados pola Deputación de Pontevedra para premiar a inclusión de xénero nos traballos de fin de grao ou mestrado. Fíxoo con Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil, que ela presentara o pasado mes de setembro tras rematar o Grao en Educación Infantil no campus de Pontevedra.

Cal é o obxectivo deste traballo de fin de grao (TFG) co que gañou?
Trata de ir desmontando estereotipos de xénero a través de implicar ás nenas nas ciencias a través do efecto Matilda. Neste caso consistía en traballar a perspectiva de xénero a través da metodoloxía por proxectos e a miña referente foi Azucena Arias, a miña titora, á que teño que agradecer a súa constancia e implicación. Ela confiou no meu traballo e animoume a presentarme, aínda que non saín moi contenta do tribunal do TFG, xa que penso que igual merecía máis nota.

Que é o efecto Matilda?
Consiste en incluir a personaxes femininos que non tiñan repercusión no mundo e darlles visibilidade a cinco mulleres que estivesen representadas neste ámbito.

Implicación
"Tratamos de que as familias colaboren o máximo posible para que o que conseguimos na aula teña continuidade na casa"

Cales foron as escollidas?
Agnes Pockels, científica que descubriu a tensión superficial; Eva Crane, investigadora das abellas; Hertha Marcks, que descubriu o arco eléctrico; a paleontóloga Mary Anning e Mary Beasley, a inventora da primeira balsa salvavidas con bordes, a que se utilizou no Titanic.

Realizou prácticas de mestra?
Si, de feito este traballo leveino a cabo co alumnado de sexto de Infantil do CEIP San Martiño.

Ao chegar ás aulas atopou o que esperaba?
Para nada. A gran maioría do traballo que facemos na facultade ten pouco que ver co que despois levamos á práctica. De feito, penso que as prácticas deberían facerse antes, porque moita xente remata a carreira e despois descubre que a ensinanza non era a súa vocación. Non se implican no seu traballo como deberían.

O seu foi vocacional?
Si, desde sempre. Pero a non todo o mundo lle motivaba traballar con nenos.

Dise que desde moi pequenos se vai notando os sesgo de xénero, a elección de cores, de xoguetes... Viviu iso nas aulas?
A socialización empeza ao nacer e os nenos e nenas ven moito estas cousas. Unha das actividades era ensinarlles imaxes das mulleres científicas e preguntarlles a que crían que se dedicaban. Os roles femininos están moi marcados: cociñeira, perruqueira... A paleontóloga que estaba traballando coas súas ferramentas dicían que era xardiñeira... Por iso é tan importante empezar a idades temperás, porque absorben todos os coñecementos. Sobre todo no eido científico. Serviume para decatarme de que descoñecemos moitas cousas deste ámbito. Gañar este premio é un aliciente para seguir traballando nesta liña, para seguir desmontando os estereotipos de xénero, aínda que nos poñan barreiras.

Está traballando agora?
Estou opositando e traballando no Príncipe Felipe, con nenos e nenas tanto de Infantil como máis maiores. Estamos facendo certas actividades para que os nenos non se sintan incómodos ao mostrar as súas emocións. Estas cousas hainas que desmontar tamén.

Nesta loita é importante implicar tamén ás familias. Conséguese?
Tentamos que as familias colaboren o máximo posible. Na casa hai tamén un traballo, é importante que o que conseguimos na escola teña continuidade na casa para reforzar este traballo.

Nas oposicións valórase a inclusión de xénero?
Algo empeza a haber sobre xénero, pero falta moito por facer.

Comentarios