O Garaxe Hermético cambia as cousas

Dous exalumnos da escola de banda deseñada de Pontevedra, Pablo Prado e Anémona de Río, publican novos títulos con Galaxia e con Xerais
A portada de 'O derraeiro libro de Emma Olsen'.
photo_camera A portada de 'O derraeiro libro de Emma Olsen'

"As cousas van cambiar", di Kiko da Silva. O debuxante e director da escola de banda deseñada de Pontevedra O Garaxe Hermético explica que, cando puxo en marcha o centro, un dos seus obxectivos era fornecer o mercado editorial galego de autores e contidos propios. Estes días, os dous selos máis importantes de Galicia, Galaxia e Xerais, publican obras de banda deseñada de exalumnos da escola. Pablo Prado é o autor da adaptación da novela O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, que lanza Galaxia. E Anémona de Río, da obra A proba de auga, que chega ás librerías da man de Xerais. "Cando abrín a escola e mencionaba eses obxectivos dicíanme que eran utópicos e aquí estamos hoxe", segue explicando o creador. "Houbera varios intentos anteriores por que existise un mercado de banda deseñada en Galicia, pero tímidos e non continuados. Que dúas editoriais como Galaxia e Xerais se impliquen na publicación de cómic, para públicos diferentes, non só o infantil, é moi importante".

Pablo Prado e Anémona de Río seguen os pasos doutros exalumnos como Fonso Barreiro, que xa conseguiran facerse un oco no sector editorial co seu traballo.

A proposta na que se involucrou o ourensán afincado en Ponteareas Pablo Prado (1987) é especialmente significativa porque adapta unha novela galega recente: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. "A min escribir imponme moito", conta o autor, que pasa o estado de alarma en Madrid. "Así que cando buscaba unha idea para o meu proxecto de fin de estudos na escola, Kiko [da Silva] faloume da posibilidade de adaptar unha obra. Deume a ler esta novela e acabei fascinado. Contactamos con Berta [Dávila], que foi súper xenerosa con nós, e acabamos presentándolle o proxecto a Galaxia".

Prado explica que enfrontarse á adaptación dun título recoñecido como este (VII Premio de Narrativa Breve Repsol 2013 e Premio da Asociación de Editores como Mellor Libro de Ficción do mesmo ano, entre outros) foi un reto para el. "Pero, a verdade é que conectei moi ben con esta historia dende o principio. Era un texto que espertaba en min unha serie de emocións, de sensacións. Esa tensión dunha muller que trata de contar algo e non é quen de facelo gustoume e apetecíame traballar sobre solucións plásticas para ela".

"Cando montei a escola dicíanme que obxectivos coma este eran utópicos e aquí estamos", di Kiko da Silva

O autor recoñece que para el persoalmente, O Garaxe Hermético supuxo "un antes e un despois". "Para mín entrar na escola foi como unha explosión", di. "Entrei como afeccionado á lectura de comics e como persoa que debuxaba como autoterapia ou por hobby e acabei adicándome a isto. Para min foi un luxo e unha oportunidade fantástica. Creo que o papel da escola á hora de tecer redes vai ser fundamental".

JOSEFINA ARRUTI. Ademais de publicar O derradeiro libro de Emma Olsen, Pablo Prado está a punto de lanzar, xunto a Kiko da Silva, o cómic Os berros da motocicleta, un traballo que repasa a biografía de Josefina Arruti, muller do que fora alcalde de Pontevedra e presidente da Deputación, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. "É un proxecto moi chulo e emocionante que estamos desexando que vexa a luz".

A maiores, o autor aproveitou o confinamento para rematar, xunto a Miguel Rojo, outro exalumno do Garaxe Hermético, un par de títulos dun proxecto de bd infantil.

Aberto o prazo de matrícula
A escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético de Pontevedra, a única do seu tipo actualmente en Galicia, vén de abrir o prazo de matrícula para o próximo curso. Exalumnos como Pablo Prado están protagonizando unha serie de vídeos nas redes sociais nos que falan da súa experiencia persoal no centro durante os anos nos que estudaron alí.

As persoas interesadas en inscribirse nas clases do curso 2020-2021, que actualmente se están a realizar on-line, poden informarse en www. ogaraxehermetico.com, no email [email protected] e no teléfono 610337312

 

Historia dunha pinga de auga ou como achegar contidos científicos á cativada a través do cómic
Para Kiko da Silva, o compromiso que adquiriu a editorial Xerais con O Garaxe Hermético á hora de convocar anualmente xuntos un premio de banda deseñada "é histórico". A primeira edición deste galardón, convocada o ano pasado, gañouna Anémona de Río polo traballo A proba de auga, que acaba de saír á rúa. "É un cómic que naceu hai moitos anos, en 2010", contaba a autora nunha entrevista con Diario de Pontevedra a finais do ano pasado. "Os meus pais son enfermeiros. Sempre están falando do traballo así que decidín empregalo como material. Supoño que foi por iso que me metín a falar das células e esas cousas. Por iso e porque me gusta. Primeiro fixen tiras curtiñas e despois cunha historia un pouco máis longa".

A proba de auga foi a primeira idea que tivo Anémona de Río para realizar o seu traballo de fin de estudos en O Garaxe Hermético, aínda que finalmente decidiu cambialo por outro. Recuperouno o ano pasado para o premio da escola e da editorial Xerais.

As influencias do manga e o humor son dúas características básicas desta obra que conta a historia dunha pinga de auga a través da que trata de achegar contidos científicos á cativada. "É que a mellor maneira de aprender é divertíndose. Aburrirse non conduce a nada".

Anémona de Río xa publicara con anterioridade Tam, un cómic que contaba as peripecias dunha moza da que está preparando unha segunda parte.