GCiencia, Rosa Castro e Felipe Senén López fanse cos Premios Lois Peña Novo

Os galardóns, que recoñecen o uso do galego no ámbito profesional, falláronse esta semana na Pousada de Soutomaior
Entrega dos Premios Lois Peña Novo en Soutomaior nunha edición anterior. DAVID FREIRE
photo_camera Entrega dos Premios Lois Peña Novo en Soutomaior nunha edición anterior. DAVID FREIRE

O portal GCiencia, especializado en información científica, a guionista Rosa Castro e o arqueólogo e historiador Felipe Senén López son os gañadores dos XXVII Premios Lois Peña Novo deste ano. Os galardóns, que recoñecen o uso do idioma galego no ámbito profesional, foron fallados esta semana en Soutomaior.

Segundo o xurado, o galardón para GCiencia, que funciona dende o ano 2013 e que ten máis de 400.000 seguidores únicos ao mes, recoñece que teña divulgado "milleiros de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega promovendo unha valorización do galego en ámbitos científicos nos que a nosa lingua é minoritaria". O uso do galego que fai o portal, "dótao do prestixio necesario para facerlle ver á cidadanía que o galego é unha lingua válida para calquera disciplina e escorrenta prexuízos lingüísticos que tollen o seu uso acotío".

No caso de Rosa Castro, guionista de series como Mareas Vivas, Terras de Miranda ou As leis de Celavella, redactora e directora de programas de debate e informativos, recibe o premio por promover un efecto multiplicador no uso da lingua galega por parte da sociedade

Finalmente o arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador Felipe Senén López é considerado polo xurado dos Peña Novo un "home de ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural de Galicia como parte indiscutible do acervo identitario do país". 

O xurado dos premios estivo conformado este ano pola bióloga e escritora (premiada na edición anterior) Marisa Castro; a maxistrada do Xulgado de 1ª instancia de Santiago Paz Filgueira; o escritor Xulio Ríos, e o escritor e lingüista Antón Dobao. Actuou como secretaria Carme Pérez.

Comentarios