Gelria estréase cun álbum no que musica a poesía galega contemporánea

A banda lanza a venda o 23 de abril o seu primeiro traballo, 'Cantos de poeta', no que adaptan versos de Rosalía, Curros Enríquez, Cunqueiro, Cabanillas, Manuel María ou Uxío Novoneyra, entre outros

A banda Gelria, formada por Elena Tarrats, Mario G. Cortizo e Federico Mosquera, lanzará á venda o próximo 23 de abril o seu primeiro traballo discográfico. Baixo o título Cantos de poeta, o álbum percorre a historia da poesía galega contemporánea, dende o Rexurdimento até a actualidade a través dos versos de catorce poetas aos que lles poñerán música.

A banda, creada en 2014, estréase cun proxecto que se presenta nun coidado formato de libro-disco acompañado de fotografías e ilustracións e no que, ademais, se incluirán as letras dos diferentes temas en galego, portugués, castelán e inglés. Cantos de poeta recolle un total de catorce poemas coa intención de trazar unha sorte de coordenadas "polas que transita o imaxinario colectivo propio".

Neste camiño, o disco vai dende a música tradicional á contemporánea, pasando polo jazz. Gelria ponlle música a Rosalía de Castro –Castellanos de Castilla– e Curros Enríquez –A nena na fonte–, tamén á lírica de vangardas (con poemas como Amenceu Bico ou onda o mar, de Álvaro Cunqueiro; Sós, de Manuel Antonio, ou Canzón para que un neno non durma, de Luís Pimentel) e á poesía de posguerra (versionando Eu quero oír o teu silencio, de Aquilino Iglesias Alvariño, ou Longa noite de pedra, de Celso Emilio).

A antoloxía tamén se achega ao grupo Brais Pinto (Cantiga do amante preso, de Xosé Luis Méndez Ferrín ou O gato da tasca Mariñeira, de Bernardino Graña) e a poesía do autor de referencia das Irmandades da Fala, Ramón Cabanillas a través do seu poema Acción Gallega, prestándolle tamén a atención a poetas da Xeración dos 50 como son Luz Pozo Garza, co seu poema Far Blues; ao poeta da Terra Cha, Manuel María, a quen se lle dedica ás Letras Galegas deste 2016, co poema Zocas, e ao seu compañeiro de xeración Uxío Novoneyra, de quen se musica Cousos do lobo.

O periplo remata con Unha luz que se afasta e se nos dirixe, poema de 2013 Chus Pato, unha das voces poéticas de maior peso no panorama da lírica actual.

Comentarios