Os Gran de Area premian tres obras en Pontevedra, Sanxenxo e Cerdedo-Cotobade

O certame das delegacións de arquitectos de Pontevedra, Vigo e Ourense recoñece trece obras do sur de Galicia pola súa contribución á recuperación da contorna e por priorizar a rehabilitación fronte á obra nova
Vivenda unifamiliar na rúa Formigueira de Pontevedra. COAG
photo_camera Vivenda unifamiliar na rúa Formigueira de Pontevedra. COAG

A reestruturación dunha vivenda unifamiliar na Rúa Formigueira de Pontevedra, realizada por José Luis Gil Pita; unha vivenda unifamiliar en Montalvo (Sanxenxo), de Rodríguez + Pintos Arquitectos, e a recuperación patrimonial e paisaxista dos baños de San Xusto, en San Xurxo de Sacos (Cercedo-Cotobade), realizada por Cristina García Fontán, veñen de ser premiadas no certame de arquitectura Gran de Area. Tamén foron recoñecidas no resto da provincia obras en Tui, Redondela, Gondomar e Vigo. 

O xurado destacou dos proxectos galardoados nesta edición, trece en total (sete na área de Vigo, tres na área de Pontevedra e tres na área de Ourense), a súa contribución á recuperación da contorna, o uso de prácticas sostibles e a rehabilitación fronte á obra nova para "mellorar a calidade de vida e ter un menor impacto ambiental".

Vivenda unifamiliar en Montalvo, Sanxenxo. COAG
Vivenda unifamiliar en Montalvo, Sanxenxo. COAG

Ao concurso, que convocan anualmente as delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), presentáronse 71 propostas. "Estas distincións supoñen un recoñecemento á labor conxunta e necesaria de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade", indican os responsables da convocatoria.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Alexandra Estefanía Vázquez, colexiada seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Lucía Araújo por Pontevedra, Iago Fernández por Ourense, e Joana Covelo por Vigo; e o secretario da Delegación de Ourense, Antonio Piñeiro, que actuou como secretario do xurado.

Recuperación dos baños de San Xurxo de Sacos en Cerdedo-Cotobade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Recuperación dos baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

No caso da vivenda pontevedresa, prémiase "a reinterpretación dunha vivenda tradicional que se transforma en algo novo e diferente sen afectar ao volume orixinal e o emprego de sistemas construtivos tradicionais en madeira adaptados ás técnicas actuais, que logra unha proposta interior contemporánea organizada ao redor dunha 'árbore' de aceiro, sendo á vez estrutura e escultura".

Na casa de Sanxenxo, no lugar de Arra, en Sabugueira, foi recoñecida "a calidade do proxecto de vivenda, tanto nos espazos proxectados como nos materiais e técnicas utilizadas". Segundo o xurado de Gran de Area, "é unha proposta de deseño contemporáneo que á súa vez é un exercicio de bioconstrución e eficiencia enerxética" dando como resultado "un fogar eficiente, sereno e belo, relacionado co seu contorno inmediato".

Finalmente, os baños de San Xusto foron galardoados por recuperar "un aproveitamento termal existente e implementalo cun balneario", así como "polo seu marcado carácter social e ecolóxico, exemplo de sustentabilidade, participación e colaboración de institucións públicas e privada". O xurado tamén destaca que a obra foi resolta de maneira maxistral, "poñendo en valor unha contorna de gran beleza e recuperando a memoria do lugar para os veciños".

Comentarios