A grande aventura de Jorge Juan e Antonio Ulloa

O escritor pontevedrés Alberto Fortes novela no seu novo libro a viaxe de dous españois que confirmaron, no século XVIII, como era realmente a forma da Terra
O escritor Alberto Fortes co seu novo libro na man. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O escritor Alberto Fortes co seu novo libro na man. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Cádiz, 26 de maio de 1735. Nese lugar e nesa data exacta comeza La medida del meridiano. El viaje de Jorge Juan y Antonio Ulloa (Ediciones del Viento, 2023), a nova novela de Alberto Fortes (Pontevedra, 1964). "Pódese dicir que esta é unha novela de formación porque o periodo no que se desenvolve é no que os dous protagonistas teñen 20 anos e van pasar unha década no Ecuador, medindo o arco dun grado de meridiano". O obxectivo: saber cal era a forma da Terra.

Fortes lembra que naquela época viña arrastrádonse dende había un século unha longa polémica sobre esta cuestión. "A controversia era sobre todo entre a The Royal Society de Londres e a Academia de Ciencias de París, ou o que é o mesmo, entre newtonianos e cartesianos. Que forma tiña a Terra? De melón ou de sandía?".

A cuestión cobrara especial relevancia dende que Newton, a través dunha serie de procedementos teóricos e apoiándose nalgún experimento previo, establecera que o planeta era un "elipsoide oblato". O obxecto da viaxe de Jorge Juan e Antonio Ulloa era confirmalo. "Pero en realidade, esta viaxe é unha escusa para achegarme a outras moitas cousas como o papel da Armada Española, a relación cos indios ou a Guerra con Inglaterra, tamén coñecida como Guerra del Asiento ou Guerra de la Oreja de Jenkins", explica o autor.

En Portsmouth consérvase a Victory cunha placa na cuberta na que se pode ler: 'Here Nelson Fell'. Dáme envexa ver ata que punto coidan os ingleses a súa historia mariña

Para ficcionar todo estes episodios do seu libro, Alberto Fortes baseouse en distintos documentos da época. "Na viaxe participaron distintos académicos como Louis Godin, Charles Marie de La Condamine e Pierre Bouguer, que rexistraron o que sucedía. Con todo ese material tratei de ficcionar como fora todo, introducindo incluso algo de comedia humana".

O resultado é unha proposta que tamén se achega á novela de aventuras. "Efectivamente, porque, ao final, aquilo non foi outra cousa que unha gran aventura", conta o autor. "Son dez anos nos que pasaron moitas cousas. Por exemplo, eles levaban unhas instrucións concretas do secretario da Mariña, que era o galego José Patiño, para facer un informe detallado sobre a situación das colonias españolas a todos os niveis: urbano, arquitectónico, económico, comercial e incluso humano, sobre a relación cos indios e como eran tratados. E fano realmente moi detallado e honesto, sen calar nada. Esa documentación é moi interesante". Todo ese material publicouse en forma de libro en Inglaterra en 1826 co título Noticias secretas de América. "É unha radiografía fantástica da situación do Imperio Español".

A nova novela de Alberto Fortes súmase a esa galería de personaxes históricos aos que lles ten dedicado libros, de Domingo Fontán (A viaxe xeométrica de Domingo Fontán) a Ernest Shackleton (Los viajes de Shackleton a la Antártida) pasando polos irmáns Gago de Mendoza (O Corsario). "De feito, esta historia está conectada coa de Domingo Fontán, porque Fontán era un gran admirador de Jorge Juan. É máis, facía moitas das súas observacións xeodésicas con sistemas inventados por Jorge Juan".

Fortes explica que Jorge Juan foi ademais o primeiro que fixo un plan en España para facer a primeira carta xeográfica científica do territorio. Nunca se fixo, pero el deixou o plan preparado. "Despois, nas Cortes de Cádiz, outro galego, o matemático José Rodríguez, presentou outro plan co mesmo obxectivo. Tampouco se levou a cabo. Finalmente é Fontán o que fai a primeira carta xeométrica que se fai en España, o seu mapa de Galicia".

Ao mesmo tempo, Fortes recoñece que nesta novela, como noutras anteriores, hai unha homenaxe aos mariños españoles. "Dende que en España entraron os Borbóns con Felipe V, no 1700, estivemos en guerra con Inglaterra. Aí nace todo o corso e aí están Gago de Mendoza e Benito Soto. Son fillos dunha época", di, ao tempo que sinala o pouco recoñecidas que están estas figuras e a historia da navegación en xeral, tanto en Galicia como en España. "Eu fun a Portsmouth a ver a nave de Nelson, a Victory. Pensaba atopar unha réplica, pero resulta que é a auténtica, que xa era vella en Trafalgar. E alí estaba un home sacándolle brillo a unha placa na cuberta na que se podía ler: Here Nelson Fell (Aquí caeu Nelson). Deume envexa ver ata que punto coidan os ingleses a súa historia mariña". 

Comentarios