Unha gran festa musical arredor de Ricardo Portela

Óscar Ibáñez deseña un espectáculo, que inclúe danza contemporánea e colaboracións de Anxo Pintos, Begoña Riobó e Álvaro Novegil ▶ A proposta, que actualiza o traballo do gaiteiro, poderase ver en Vigo, Pontevedra e Cerdedo-Cotobade

José Balseiros, Jorge Cubela, Xosé Leal, Carme Fouces e Óscar Ibáñez, este mércores, na presentación dos actos na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera José Balseiros, Jorge Cubela, Xosé Leal, Carme Fouces e Óscar Ibáñez, este mércores, na presentación dos actos na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Cun espectáculo multidisciplinar, deseñado por Óscar Ibáñez, no que participarán músicos e bailaríns galegos actualizando o traballo do gaiteiro de Viascón, pecha a Deputación Provincial as homenaxes a Ricardo Portela no 25º aniversario do seu pasamento. A proposta, titulada Óscar Ibáñez & Tribo + Convidados - Aires de Pontevedra, poderase ver en tres escenarios: o do Auditorio Municipal de Vigo (20 de xaneiro), o do Teatro Principal de Pontevedra (27 de xaneiro) e o do Auditorio de Cerdedo-Cotobade (3 de febreiro). A entrada para todos será de balde.

Representantes das institucións involucradas no proxecto, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o presidente da comisión xestora do ConcelloCerdedo-Cotobade, Jorge Cubela (acompañado polo vicepresidente, José Balseiros), presentaron este mércores a iniciativa na Deputación Provincial, xunto ao seu promotor e gran divulgador da figura de Portela, o gaiteiro Óscar Ibáñez. "Imos facer unha gran festa arredor de Ricardo Portela e arredor da súa música", sinalou este último.

Segundo contou Ibáñez, se as actividades en 2017 se centraron en homenaxear a parte máis tradicional do legado de Portela, neste caso preténdese actualizar a súa música. "Porque, se ben é certo que profesaba un amor inmenso a Galicia, era tamén unha persoa aberta, que se relacionaba con xente nova e con grupos folk como Milladoiro", explicou o coordinador da proposta. "Queremos irnos entón a este outro lado do seu legado, máis moderno e actual, cunha fin diversalizadora", dixo. Así, os espectáculos están concibidos para todos os públicos, "non só para especialistas", co obxectivo de difundir o máximo posible o seu traballo.

Ademais da tribo que acompaña habitualmente a Óscar Ibáñez, Fernando Fraga no acordeón, Ioana Pérez no violín, Carlos Calviño á guitarra, Paco Dicenta no baixo e Andrés Vilán na batería e percusión, o show contará coa colaboración de convidados como Anxo Pintos, Begoña Riobó, Xosé Liz, Marcos Campos, Francisco Estévez Chuco, Wenceslao Cabezas Polo, Álvaro Novegil, José Luis Lema e Carla Villanueva.

Ibáñez tamén quixo destacar a participación de bailadores, non só tradicionais, como os de Fiadeiro e Celme, senón tamén da Compañía de Danza Contemporánea Jesús Quiroga.

O gaiteiro ademais comentou que este espectáculo sobre Ricardo Portela o levará a actuar por primeira vez no centro de Vigo "e por terceira vez no Teatro Principal de Pontevedra, algo que para min, o de tocar na casa, sempre é moi especial".

ROTEIRO. Xosé Leal e Carme Fouces lembraron que, o ano pasado, xa se lle rendera homenaxe a Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992), mestre do toque pechado (particular xeito de dixitación propio de Pontevedra), coa celebración dunha gala na súa honra en Pontevedra, coa publicación dun disco e coa instalación dunha placa na rúa Laranxo. "Agora, mesmo barallamos a posibilidade de crear un roteiro na súa honra", avanzou a concelleira.

"Todo isto só podía rematar con música, non podía ser doutro xeito", dixo Leal. "E farémolo nos tres lugares da provincia aos que o propio Portela estivo vinculado de xeito persoal e profesional".

AXENDA

20 de xaneiro ►Auditorio Municipal de Vigo. 21.00 horas. Entrada libre ata completar aforo.

27 de xaneiro ►Teatro Principal de Pontevedra. 21.00 horas. Entrada libre ata completar aforo.

3 de febreiro ►Auditorio de Cerdedo-Cotobade. 19.00 horas. Entrada libre ata completar aforo.

 

Comentarios