'Grans de Area' que se converteron en castelos

 Seis obras da área de Pontevedra foron premiadas na nova edición das delegacións do sur do COAG ▶ Entre os premiados, atópanse traballos de Vilaboa, Ponte Caldelas, Bueu, O Grove, A Estrada e Cerdedo-Cotobade

Bueu. Cuberta colexio Torre-Cela. COAG
photo_camera Transformación do patio do colexio Torre-Cela. COAG

Os Óscar da arquitectura no sur de Galicia xa teñen aos seus gañadores deste ano: tras a análise por parte do xurado dos 63 proxectos presentados, o certame Grans de Area concluíu coa selección de sete obras ubicadas na área de Vigo, seis na de Pontevedra e tres na de Ourense. 16 premiados que amosaron que gran a gran, desde o chan ata o tellado, pódese acabar por construír un castelo. No tocante á area de Pontevedra, os premios foron a parar a Bueu, Ponte Caldelas, A Estrada, O Grove, Cerdedo-Cotobade e Vilaboa.

Dúas naves destinadas a centro loxístico en Ponte Caldelas. COAG
Dúas naves destinadas a centro loxístico en Ponte Caldelas. COAG

No caso de Bueu, o proxecto premiado foi para a transformación do patio do colexio da Torre-Cela, levada a cabo por Fermín González Blanco. En Ponte Caldelas, o galardón recaeu en Luciano González Domínguez e Miguel Estévez Gómez, pola habilitación de dúas naves adosadas destinadas a centro loxístico, oficinas, almacenaxe e distribución de auga mineral natural envasada. En A Estrada, a cargo de José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez (RVR Arquitectos), a obra seleccionada foi a humanización da Praza da Feira.

O Grove, a súa vez, conseguiu o seu galardón a raíz da horta e invernadoiro en Culler de Pau, realizados por Faustino Patiño Cambeiro e Juan Ignacio Prieto López (Prieto Patiño Arquitectura). En Vilaboa, a obra premiada foi para a reforma do local para o restaurante Albanta, de Santiago Pintos Pena e Jaime Rodríguez Abilleira. Por último, en Cerdedo-Cotobade, María García Couto alzouse coa distinción tras a construción do centro cultural e turístico Antonio Fraguas. 

O propio alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mostrou a súa ledicia polo recoñecemento: "Para nós é unha dobre satisfacción porque por un lado recoñécese a profesionalidade e capacidade dos arquitectos locais María García e Víctor Basoa, pero por ou tamén se lle dá un respaldo do sector ao modelo de reutilización de edificios senlleiros para darlles unha segunda vida e un aproveitamento de carácter social como o que estamos a levar en Cerdedo-Cotobade", declarou Cubela.

Os Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade, desenvolta neste caso nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, a súa aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna.

Para valorar estas achegas, o certame contou nesta edición cun xurado formado por Manuel Martínez Carazo, Rafael Castro Armesto e Anselmo Villanueva Peón, Fernando Sampil Sánchez, María Fandiño Iglesias, Pablo López Prol, e Zaraida Martínez Sanmartín, amais de María Pierres, que fixo as labores de secretaría.

Comentarios