Guadi Galego e Dakidarría volven polo verán a Pontevedra

O Concello irá adiantando a programación estival a través das súas redes sociais todos os luns e venres
 
Dakidarría actuará no Revenidas. DP
photo_camera Unha imaxe promocional de Dakidarría.

A cantautora de Cedeira (A Coruña) Guadi Galego e a banda de ska e punk-rock do Valmiñor Dakidarría actuarán este verán en Pontevedra. Farano en dous dos ciclos que se veñen celebrando nos últimos anos e que, desta maneira, o Concello confirma que repetirán. Guadi Galego estará o 31 de xullo en Con voz de muller e Dakidarría, o 2 de agosto no Festixeve

Os dous concertos foron anunciados polo Concello nas súas redes sociais. Segundo se informou dende o Goberno local, así se seguirá facendo ao longo das próximas semanas. Cada luns e cada venres iranse facendo públicas actuacións ou actividades dos distintos ciclos da programación de verán, incluídas as Festas da Peregrina. A presentación oficial do programa está previsto que se faga a finais de xuño.

"O verán é moi longo en Pontevedra e estará cheo de actividades! E se imos adiantando e coñecendo algunhas das artistas que teremos na cidade nas Festas da Peregrina, Festixeve, Festival de Jazz & Blues, Con voz de muller, Urbana Monte Porreiro...?", escribía o Concello nas súas redes o pasado venres. "Vai anotando! Dakidarría, a xa clásica banda de ska, reggae, ritmos urbanos e punk-rock actuará o venres 2 de agosto, no Festixeve! E máis que haberá! Para todos e para todas! Cada venres e cada luns, serán revelados novos nomes!".

Este luns sumouse a eses nomes o de Guadi Galego. "Novo adianto dos concertos de verán: Guadi Galego estará presente no ciclo Con voz de muller o vindeiro 31 de xullo". A artista acaba precisamente de pasar por Pontevedra. Aquí ofreceu, o pasado 13 de abril, no Teatro Principal, un dos tres concertos exclusivos que realizou dentro dunha minixira que bautizou como Síntese Horizonte, tras ano e medio afastada dos escenarios, e que lle serviu para presentar en directo, por primeira vez, os temas do seu último disco, Roibén.

No caso de Dakidarría, o grupo formou parte do cartel da edición de 2023 do festival Surfing the Lérez, ofrecendo un dos concertos máis multitudinarios dese ano, no que a banda precisamente celebraba o seu 20º aniversario. Semanas despois volveu á capital da provincia para participar no festival Urbana Monte Porreiro, nunha sesión dobre da que tamén formaba parte Lamatumbá. "Son un absoluto referente. Son o compromiso. Son a festa", describíaos o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

Surfing the Lérez, Festa dos Libros e Río Verbena Fest

A confirmación da celebración de Con voz de muller e do Festixeve únense ás outras citas do verán pontevedrés que tamén foron confirmadas. A primeira, a do evento que abre oficialmente a programación estival, o Surfing the Lérez, que terá lugar os días 14 e 15 de xuño na Illa do Covo. Despois, a Festa dos Libros, que se sabe que terá lugar a primeira fin de semana de xullo na Ferrería, despois de ter anunciado Ledicia Costas que o 7 de xullo estaría presentando alí a súa última novela, Pel de cordeiro. Finalmente, o Río Verbena Fest, que ten confirmados a Amaral ou Lori Meyers, entre outros, está previsto que se celebre os días 23 e 24 de agosto na explanada do Recinto Feiral. 

Comentarios