Guadi Galego: "Síntome unha privilexiada"

A minixira de tres concertos exclusivos, que Guadi Galego titulou Síntese Horizonte, péchase este sábado en Pontevedra. Non é que non vaia haber máis posibilidades de escoitar os temas do seu novo traballo, Roibén, en vivo. Os escenarios continuarán. Pero será xa con outros formatos.

 

A cantante e compositora Guadi Galego nunha imaxe promocional. CARLOS ABAL
photo_camera A cantante e compositora Guadi Galego nunha imaxe promocional. CARLOS ABAL

Tras ano e medio afastada dos escenarios, Guadi Galego (Cedeira, A Coruña, 1974) regresou neste comezo de 2024 con tres espectáculos únicos en Compostela, Ferrol e Pontevedra. Para o concerto deste sábado pola noite, no Teatro Principal, as entradas están esgotadas hai semanas. A esta pequena xira, na que se poderán escoitar en vivo por primeira vez temas do seu traballo máis recente, Roibén, chamoulle Síntese Horizonte

Que tal foi o regreso aos escenarios? Os concertos funcionaron como esperaba?
Foi todo moi ben. Estamos moi contentos. De feito, imos con moita ilusión a Pontevedra porque vimos de dous cheos, Compostela e Ferrol, co público moi entregado e moi conectado co espectáculo.

Tres concertos únicos. 
Si, foron tres, pero porque non saíron máis. É moi complicado chegar aos teatros. E este é un espectáculo complicado, de moita xente, con nove persoas en escena, unha dirección de escena, unha dirección de luz, un son moi coidado... É un espectáculo grande. Isto non significa que non poidamos ampliar a algún teatro máis nun momento dado. A xente conectou tan ben coa proposta que nos dá moita pena non poder volvelo facer. Agora seguiremos xa por fóra, cun espectáculo diferente.

Neste momento no que ser intenso é algo case denostado, nós somos un equipo de intensas e de intensos: dámolo todo

Porque a presentación de Roibén continúa. 
A xira é Síntese Horizonte. E continúa, si, pero doutra maneira. O xerme é este espectáculo, pero adaptado. É dicir, non ten a mesma luz, o repertorio é diferente... Algunhas cancións coinciden, por suposto, pero non podes facer, eu que sei, un bloque de temas lentos nun festival ou nunha praza dunha vila. 

Chamou de xeito diferente á xira e ao disco. Por que?
Porque realmente cando subimos ao escenario, ‘Roibén’ xa tiña un ano. Nin sequera está todo o disco no espectáculo. Dos dez temas, fanse sete. Nos teatros, porque fóra, nin iso. Tratouse de buscarlle á xira un título no que confluíse o espírito de ‘Roibén’, ese espírito de vida, de contradición, que vai da dureza e da escuridade á luz máis absoluta pasando por diferentes motivos e emocións como a ilusión, o humor, a aceptación... Cousas que pasan na vida de todo o mundo.

Disto ten falado moito: do percorrido que fai nos novos temas do máis escuro ao máis luminoso.
É curioso. Porque o inicio do espectáculo é escuro e realmente hai xente que se remexe un pouco na butaca, pero despois é como se se fose abrindo a esa luz que buscamos. Ese é o concepto, aínda que despois cada un víveo como o vive. Igual hai quen non se remexe para nada. 

Guadi Galego durante o concerto do mes de xaneiro en Ferrol. PIXELIN
Guadi Galego durante o concerto do mes de xaneiro en Ferrol. PIXELIN

Como se sentiu na volta aos escenarios?
Fíxoseme longo porque foi un ano e medio de parón e un ano e medio de vida nestes tempos que corren, onde todo vai a toda velocidade, fíxoseme un pouco longo. De feito, o meu obxectivo era parar un ano: de setembro a outubro, máis ou menos. Pero non fomos capaces de concibir esta xira ata xaneiro, así que ao final foi case ano e medio. Despois, un espectáculo novo é sempre un reto moi grande. Este érao para nós en canto a traballo, a concepto... Todo. O proceso foi duro, pero moi bonito. A sensación do regreso? A da mesma ilusión que sempre. Neste momento, no que ser intenso é algo que case está denostado, nós somos un equipo de intensas e de intensos. Iso o que significa é que o damos todo en cada concerto por se acaso é o último. Non vaia ser que se nos afunda o chiringo e teñamos que parar. Xa con 50 anos, creo que é importante ser consciente do privilexio que é poder dedicarse a isto. E facelo así, dende a máxima honestidade e cun equipo entregadísimo. Síntome unha privilexiada, a verdade é que si.

A isto tamén se referiu moito na promoción deste último disco, a que era un traballo de madurez.
A filosofía deste espectáculo, que pasa polos contrastes dos que falamos, é a dunha vida madura. De moitas vidas, en realidade. Porque non é a miña vida, senón a vida de toda a xente que me inspira, que é moita. Eu véxoo efectivamente así, como un espectáculo de madurez.

Os que estamos fóra da industria seguimos traballando duro dende a dignidade. Hai moita xente nas estradas secundarias

Que balance fai da súa traxectoria agora que chega aos 50 anos? Hai algo do que estea especialmente orgullosa ou algo do que se arrepinta?
Non sei que dicirche. Non, arrepentir non me arrepinto de nada porque de todo levo aprendido. Se boto a vista atrás, do que máis orgullosa estou é de ter tratado de facer sempre o que quixen. Moitas veces con moito esforzo, moitas veces estampándome bastante e desafiándome moito a min mesma. Pero sempre buscando o que podía facerme feliz. Iso foi duro. E segue sendo duro. Porque eu non deixo de ter múltiples debates aínda hoxe comigo mesma. 

Se puidera dicirlle algo á rapaza que foi vostede cando comezaba no mundo da música, que lle diría? Daríalle algún consello?
Non creo nada nesas cousas. Creo que a vida hai que vivila con todos os seus atrancos, con todo o bo e todo o malo, tirando sempre para adiante na medida do posible. Pero toda esa historia de libro de autoaxuda non vai comigo. Non creo en nada diso. Estamos demasiado centrados na satisfacción persoal e na búsqueda dunha felicidade absurda que non existe. O que existe é ir camiñando, ir facendo e ser o máis honestos posible dentro das nosas múltiples contradicións mentres seguimos aprendendo. Sen máis. É certo que estar en paz contigo mesma é complicado e hai estapas nas que estás e outras nas que non. E non pasa nada.

Ten ás súas costas unha traxectoria de case 30 anos na música galega. Viviu dende dentro da escena momentos moi diferentes. Como valora o actual?
Creo que esta é a pregunta que máis me levan feito. Diría que non faltou en ningunha das entrevistas que me fixeron. 

Os xornalistas non acostumamos a ser moi orixinais. É así.
Non, se entendo que haxa que facela, porque o do momento actual é unha percepción que ten todo o mundo. Pero recoñezo que me parece curioso. Eu penso que estamos pasando por un momento marabilloso para a escena galega, para a xente nova, que está empoderada, e dentro dunha industria, por fin. Os que estamos fóra dela, eu por exemplo, que me sinto absolutamente fóra desa industria practicamente inexistente, seguimos traballando duro dende a dignididade. Hai moita xente que segue nas estradas secundarias e iso tamén é parte da escena actual e do mundo que vivimos. É marabilloso que hoxe haxa xente dentro desa industria global. Eu non pensei vivir este momento así, aínda que sexa dende o meu sitio, sendo moi consciente de onde estou eu, De calquera maneira, estou moi contenta de que as novas xeracións teñan estes referentes de enorme éxito. Véxoo e pénsoo: por fin.

Último concerto de Resoan: Mahmood no mes de maio
Tras finiquitar os ciclos Voices e As Matinés do Principal, a programación musical do Concello de Pontevedra agrupouse recentemente baixo o lema Resoan. O primeiro concerto que se celebrou con esta denominación foi o da banda de rock Morgan o 27 de xaneiro. Despois viñeron Albert Pla e Diego Cortés o 24 de febreiro. O de Guadi Galego deste sábado á noite é o terceiro concerto de Resoan, que aínda ten previsto un máis: o do italiano Mahmood o 12 de maio. Neste último caso será no Pazo da Cultura. Mahmood foi representante de Italia no Festival de Eurovisión en dúas ocasións: a primeira delas en solitario (en 2019, quedando segundo) e a segunda, xunto ao rapeiro Blanco, (en 2022, quedando en sexta posición).
As entradas para todas as actuacións esgotáronse tempo antes da celebración dos espectáculos.

Comentarios