Guadi Galego: "Só quero gozar a tope de todo o que fago"

Inmersión, un disco en sete idiomas, vén de coarse entre os 100 traballos máis vendidos de España. A autora visita este luns Pontevedra
Guadi Galego (Cedeira, A Coruña, 1974). CARLOS ABAL
photo_camera Guadi Galego (Cedeira, A Coruña, 1974). CARLOS ABAL

‘Immersion’. Así, con dous emes.

É un xogo entre inmersión, ‘immersion’ e todo o que ten que ver coas linguas, coa inmersión lingüística. Usei esa palabra en inglés para que cada un a pronuncie como lle dea a gana.

Rescatou aquí cancións dos seus discos anteriores para interpretalas en sete linguas: catalán, euskera, aranés, asturiano, portugués, castelán e galego.

Eu sempre quixen facer un disco con todas as linguas da Península. Sabía que era algo que ía facer máis tarde ou máis cedo. O caso é que me pareceu moi bonito facelo collendo temas que xa estaban no imaxinario da miña xente. Xa tiña as melodías, xa tiña as letras. Dalgunha maneira o que fixen foi engrandecelas.

Non hai tamén algún tipo de reivindicación social ou política nestes tempos nos que se lle escoita a algúns políticos defender as vantaxes de reducilo todo a unha única lingua no territorio español?

Sabes que pasa, que a min esas cousas quédanme sumamente lonxe. Para min, a pluralidade é sempre riqueza. A cultura está vinculada totalmente á diversidade. É que me parece tan absurdo ese discurso, tanto, que só podo dicir que evidentemente non me representa. Estou tan afastada dese xeito de pensar que non son capaz nin de entendelo.

Pese a iso, preséntase na súa conta da rede social Twitter cun: «Gosto da xente en xeral». Non ten días nos que o quitaría?

(Ri) Como calquera! Pero non, a min en xeral gústame moito a xente, a xente distinta, que me achega cousas novas, a xente que me desmonta as ideas que traio afianzadas, a que che dá un bo argumento para cambiar de opinión, a que te inspira co seu posicionamento vital... Gústame a xente que me achega cousas boas. Da xente que, no canto de construír, destrúe, procuro manterme afastada.

"A pluralidade é sempre riqueza. A cultura é diversidade. Calquera outro discurso a min non me representa"

O seu disco entrou hai uns días no Top 100 dos máis vendidos de España. Como senta iso?

Verás, eu penso que con iso pasa con moitas outras cousas que teñen que ver coa industria. De súpeto entras nese Top 100 porque xusto esa semana a xente está receptiva e lle apeteceu mercalo. É bonito, si, pero ao día seguinte pasas ao 200, e non pasa nada. A vida é así. Hai moitísima xente que nunca entra no Top 100 porque igual non vende nas plataformas que contabilizan esas vendas senón nos concertos ou en sitios pequenos e resulta que é súper súper top.

Pero unha, ao final, cantará e fará discos para que a xente a escoite.

Claro! No caso deste disco eu tamén salientaría que tivemos unha subida tremenda de oíntes dixitais. Significa que a xente tiña interese por escoitar o disco. Iso si que foi algo que me alegrou moito, que a xente se achegase a este traballo en todas esas linguas. Quen che di que unha persoa entra no disco coa idea de escoitar a Vega ou a Andrés Suárez e, de súpeto, topa con Alidé Sans cantando en occitano-aranés e queda con iso? Sería fantástico.

Precisamente a outra gran particularidade do disco é que se rodeou aquí de amigos: de Iván Ferreiro a Germán Díaz.

A ver, a min o de adentrarme nas distintas linguas sen ninguén de guía parecíame moita ousadía. Busquei xente que me axudara, coa que eu me sentira cómoda e que me orientara para cantar nos distintos idiomas. Logo, amigos aos que lles apetecera cantar as cancións: Vega, Iván [Ferreiro], Xabier [Díaz], Andrés [Suárez]... Xente achegada a min e á que lle tivera moito afecto. E, despois, tamén xente que as tocara. Porque non é un disco de duetos, senón un disco de colaboracións. Hai moitos instrumentistas que achegan un carácter moi interesante a cada tema: do piano sofisticado de Abe [Rábade] ao ritmo dos txalapataris vascos.

Unha desas colaboracións é con Clara Peya, coa que coincidiu en Pontevedra en Cantos na Maré.

Si! Fixémonos moi amigas. Tivemos unha conexión moi potente.

E a Pontevedra volve (hoxe, 17.00 horas, entrada libre) para conversar coa xornalista Susana Pedreira ante 180 mozas e mozos do IES Valle-Inclán.

Exactamente. Pero é un acto aberto a todo o mundo. Cando remate a charla, asinarei discos. Son experiencias de ‘inmersión’ moi interesantes. Estamos achegándonos a outros públicos para contarlles como é o proceso, por que se fan as cousas, con que obxectivos. Gozo moito destes achegamentos á xente á parte dos concertos.

En todo caso, á rapazada non lle ten medo ningún: xuntara xa unha vez a mil mozas e mozos en Navantia para cantar Chea de vida.

Xunteinos eu, as mestras e Ramón Bermejo. Pero claro! A min, a xuventude paréceme o máximo valor que temos: é o noso futuro. Vivir de costas a elas e eles é un erro. Non construímos para nós, construímos para a mocidade.

Como se ve a si mesma hoxe? É unha intérprete moi diferente á de Berrogüetto?

Si que cambiei, si, claro que cambiei. Cambioume moito a cabeza. Desmontáronseme moitas ideas, moitos prexuízos que veñen de fábrica ou que vas adquirindo. Fun soltando lastre. Agora mesmo, falando non só da miña carreira senón de min como persoa, estou nun momento de felicidade, de orgullo propio. Teño moita máis autoestima. Creo moitísimo no meu equipo, na xente coa que traballo. Estou nun momento de só querer gozar a tope de todo o que fago. Cada concerto é unha festa. Así o vivo. Esa é a única clave que coñezo para conectar co público, a única que funciona.

Comentarios