‘Guantanamera’ no Teatro Principal

Preto de 90 persoas de dez agrupacións locais participan no espectáculo Cando saín de Cuba, de Os de Algures
 
Un momento do espectáculo 'Cando saín de Cuba', de Os de Algures, no Teatro Principal de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Un momento do espectáculo 'Cando saín de Cuba', de Os de Algures, no Teatro Principal de Pontevedra. DAVID FREIRE

Dos gardenias, El manisero, Guantanamera e Quizás foron algúns dos temas que se puideron escoitar este sábado no espectáculo Cando saín de Cuba, que puxo en escena no Teatro Principal de Pontevedra o grupo Os de Algures. A montaxe, promovida polo Concello, deulle continuidade á peza De Pontevedra á Habana, que se puidera ver o ano pasado no mesmo escenario. 

Preto de 90 persoas de dez agrupacións locais diferentes participaron nestes espectáculo que recrea unha viaxe entre Cuba e Nova York (Estados Unidos) a través do teatro, a danza, a música e a escenografía. Dividida en catro actos, a montaxe está protagonizada por doce músicos da asociación de gaiteiros Os de Algures; trinta intérpretes do Coro Vinderel do IES Xunqueira I de Pontevedra; os músicos da orquestra cubana Rompiendo la Rutina; bailaríns da asociación de danza e teatro Cafuné; bailaríns da escola de danza Pontebaile; actores e actrices dos grupos de teatro Argallada e Tarabelo; e figurantes dos grupos Cafuné, Galidanza e Tremoioas de Algures

Público do espectáculo 'Cando saín de Cuba' no Teatro Principal. DAVID FREIRE
Público do espectáculo 'Cando saín de Cuba' no Teatro Principal. DAVID FREIRE

Segundo informou o Concello, a produción contou tamén con dez persoas no equipo técnico, de iluminación, audiovisuais, atrezzo e montaxe escenográfica.

"Con este espectáculo pretendemos homenaxear a figura dos homes e das mulleres que fixeron as súas vidas na emigración e deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas", explicaban os responsables do espectáculo en palabras facilitadas polo Concello. "Faise tamén un recoñecemento a Eduardo Pondal e Pascual Veiga, a Curros Enríquez, José Castro e Xosé Fontenla Leal, como promotores e creadores do himno que hoxe nos representa a todos".