Cinco guitarras estremecen a Ferrería

O portugués André B. Silva presenta o seu proxecto The Guit Kune Do, con músicos de Porto e de Galicia, na segunda xornada do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
 
O espectáculo comandado por André B. Silva no Festival de Jazz de Pontevedra. ANXO LORENZO
photo_camera O espectáculo comandado por André B. Silva no Festival de Jazz de Pontevedra. ANXO LORENZO

"Pontevedra, nós vimos de Portugal. É unha marabilla tocar aquí esta noite nesta praza lindísima. É unha honra vir sempre a Galicia". Cinco guitarristas de Porto e de Galicia reuníronse este xoves enriba do escenario da Praza da Ferrería na segunda xornada do XXVIII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Á frente de todos eles, André B. Silva, músico, compositor e máximo responsable deste proxecto que lle permite profundizar na experimentación con sonoridades e solucións pouco exploradas a partir do son da guitarra eléctrica. "Un concerto único", anunciouse por megafonía que ía ser o deste xoves.

Xa o explicara Paco Charlín, representando ao Seminario Permanente de Jazz, o día da presentación do festival pontevedrés: "Con influencias do jazz, do hip hop e mesmo do rhythm and blues, este rapaz busca novas ideas e sonoridades a través dunha proposta de cinco guitarras poucas veces vista". 

Entre os músicos galegos que acompañan a Silva nesta aventura, bautizada como The Guit Kune Do e que conta cun álbum propio publicado en novembro de 2020 co selo Carimbo Porta-Jazz, está Virxilio da Silva, de Portonovo. O resto dos integrantes da banda son os guitarristas António Pedro Neves AP, Eurico Costa e Francisco Rúa; o baixista João Próspero e o batería Diogo Silva

"Son todos músicos incribles os que me acompañan aquí hoxe", explicou André B. Silva aos asistentes antes de pasar a presentalos. Tamén recordou que tiñan un disco e que estarían encantados de que, ao final do concerto, a xente que quixese facerse con el se dirixise a eles para mercalo, "conversar e beber unha cervexa", antes de volver a Porto.

Jazz, funk, hip hop e rock mestúranse nesta oda ás posibilidades da guitarra eléctrica, saída da cabeza de André B. Silva, que este mesmo ano publicou novo traballo co selo Clean Feed, Mt. Meru.

As estrelas principais do festival chegan a partir de hoxe á noite á Ferrería. A primeira en subir ao escenario será a trompetista Andrea Motis. Este sábado será a vez da baixista Ida Nielsen. E o domingo, a da guitarrista Samantha Fish, que clausura o evento. Todos os concertos son ás 22.30 horas con entrada libre.

Comentarios