sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

Un guitarrista baixo a influencia

Roberto Beade, na tenda Musical Pontevedra. DAVID FREIRE
Roberto Beade, na tenda Musical Pontevedra. DAVID FREIRE
Robert Beade publica esta semana o seu primeiro disco, 'Influences', un traballo de rock instrumental no que rende homenaxe aos seus referentes, de Joe Satriani a Judas Priest

Un disco de rock instrumental coa guitarra como protagonista. Iso é Influences, o primeiro traballo discográfico de Robert Beade (Barro, 1985), quen, á marxe de calquera moda musical, opta por renderlle aquí homenaxe a algúns dos seus referentes, entre outros, os guitar heroes dos anos 80 Joe Satriani ou Steve Vai, auténticas lendas vivas dos rock.

O traballo, composto por seis temas orixinais da autoría do músico de Barro, sae á rúa oficialmente o 24 de xaneiro cun título que fai referencia precisamente a que cada corte do álbum está adicado a algunha influencia de Beade, "dende solistas como o mencionado Joe Satriani a grupos como Judas Priest".

'Influences' está á venda na tenda Musical Pontevedra e en www.demonsshop.com

Metido no mundo da música dende cativo, Beade estudou na Escola de Música de Barro e na actualidade aínda forma parte da Banda de Música desta localidade como clarinetista. "Tamén formei parte da Banda de Música de Pontevedra durante varios anos".

Roberto Beade, na tenda Musical Pontevedra. DAVID FREIRE - InteriorBaixista en grupos como Nova Era, a súa gran paixón é a guitarra. "Porque sempre me gustou o rock. E ese é o seu instrumento por excelencia". Tamén formou parte de bandas como Negra Sombra ou Jit. A súa formación guitarreira débella a xente como José Rubio (músico de Córdoba afincado en Ourense, que tamén forma parte de Nova Era e que conta cunha longa traxectoria no mundo do rock, de Warcry á banda de José Andrea, o excantante de Mago de Oz) e Alberto Cereijo, de Los Suaves. "Con Cereijo sigo traballando e é algo moi emocionante para min. Porque o primeiro concerto de rock ao que asistín na miña vida foi de Los Suaves. É unha auténtica lenda, un dos meus ídolos, un dos primeiros guitarristas do país que viaxou aos Estados Unidos no seu día para formarse. Por el teño adoración".

EN SOLITARIO. Beade presenta agora o seu primeiro traballo en solitario, Influences, totalmente afastado de calquera tendencia musical. "Este tipo de discos de rock instrumental quizais tivo o seu auxe nos anos 70 e 80. É certo que este traballo non vai coas modas, pero tampouco era a intención. Un ten que facer o que lle gusta", explica Beade, que traballa na tenda Musical Pontevedra.

Un ano despois de decidir sacar este proxecto adiante, Influences chega agora á rúa en formato físico, editado por Demons Records con portada de Jose Antonio Vives. Na canle de YouTube de Robert Beade pódese ver o seu primeiro videoclip: Alien Inspiration. "Gravouse en Barro, no Parque da Barosa e no Monte da Chan", explica o guitarrista. "Isto é algo que tiña moi claro. Había varias cousas relacionadas con este disco que tiña decididas dende o inicio: o estilo, o concepto do disco, por onde ía tirar cada tema e que o primeiro videoclip que fixera se ía gravar neses dous sitios, que forman parte da miña vida e do meu crecemento. Á parte, estes espazos cadraban perfectamente co vídeo que quería facer".

Agora mesmo, Beade está pendente de presentar en directo o seu disco. Ten pechada unha data en Cangas, na Sala Son, o 14 de marzo. Ademais haberá presentacións en Barro e en Pontevedra. "Non é que un estea incompleto sen a guitarra, podes estar completo sen ela, pero si que é verdade que se chega a botar en falta, que se estraña cando levas tempo sen collela. Porque son moitas horas da vida as que se lle adican. Máis que nada, o que se nota é a súa ausencia, si. Sentes que che falta algo. Porque se converte case nunha extensión máis do corpo".

Un guitarrista baixo a influencia
Comentarios