Guiverny e a Deputación Provincial convocan o I Premio de novela histórica Dona Urraca

Ao galardón, dotado con 6.000 euros, poderán presentarse obras, escritas en galego ou castelán, ata o 1 de xullo
Belén Fortes (no centro) entre a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. DIANA CARRACELAS
photo_camera Belén Fortes (no centro) entre a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. DIANA CARRACELAS

 A editorial Guiverny, que dirixe a pontevedresa Belén Fortes, e a Deputación de Pontevedra veñen de anunciar a convocatoria do I Premio de novela histórica Dona Urraca, o único dedicado a este xénero que se falla en Galicia, segundo informaron. O galardón estará dotado con 6.000 euros e "valorará a ambientación da trama na provincia de Pontevedra e a visibilización do papel das mulleres na historia". Os textos poderán presentarse ata o 1 de xullo e poderán estar en galego ou en castelán.

Fortes presentou onte este certame literario acompañada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e pola deputada de Cultura, Victoria Alonso. "É fundamental crear conciencia da nosa orixe e analizar acontecementos relevantes da nosa historia", dixo a presidenta provincial, en palabras facilitadas pola Deputación. Silva tamén se referiu á importancia no sector literario das novelas históricas, "un xénero cunha enorme presenza e demanda por parte das lectoras e lectores".

Teresa Moure, Arantza Portabales e Inma López Silva forman parte do xurado

O xurado do I Premio de Novela Histórica Dona Urraca estará composto pola escritora Teresa Moure (presidenta), o escritor Xosé Ramón Pena (secretario) e as tamén escritoras Belén Fortes, Inma López Silva e Arantza Portabales, xunto á traballadora do servizo de Cultura da Deputación Begoña Fernández, (como vogais). O seu fallo farase público no segundo semestre de 2023.

Segundo explicou Belén Fortes, o premio pretende "promover este xénero literario infrarrepresentado nos galardóns literarios e dar a coñecer o noso rico acervo cultural". A editora tamén explicou o porqué da elección de Dona Urraca para darlle nome. "É unha das figuras máis importantes da historia de Galicia e de toda a península, unha figura poliédrica, que desempeñou un papel moi importante que foi silenciado".

O galardón será entregado nunha gran gala que se celebrará cara finais de ano e que será a envexa dos Premios Planeta, segundo Carmela Silva

Fortes, que expresou o seu desexo de que Dona Urraca "sexa a protagonista da novela gañadora", lembrou que esta raíña de Galicia e León protagonizou tanto episodios históricos, como o asedio que sufriu no Castelo de Sobroso (Mondariz), como outros que forman parte da lenda, "como a súa fuxida por un túnel que a salvou da morte". 

Segundo a entidade provincial, "o galardón será entregado nunha gran gala que se celebrará cara finais de ano; un evento como só sabe organizar a Deputación de Pontevedra e que será a envexa dos Premios Planeta". As bases completas do premio poden consultarse aquí.

Comentarios