jueves. 21.01.2021 |
El tiempo
jueves. 21.01.2021
El tiempo

"Hai que contar as historias que quedaron sen contar"

Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) co seu libro. DAVID FREIRE
Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) co seu libro. DAVID FREIRE
Eva Mejuto é autora de contos e novelas, coordinadora do Salón do Libro e colaboradora do Zigzag, vén de publicar A lavandeira de San Simón

A lavandeira de San Simón está adicado a Xulio Lima, "o neno desta historia". Quen é?

É o pai da miña cuñada Margó. Morreu este ano coa enfermidade de Alzheimer. Deume moita pena porque contaba con que puidera ver rematado o libro, que naceu a partir das súas historias, de cando acompañaba á súa nai, que era costureira, a ver ao seu pai, que pertencera a un sindicato mariñeiro en Portonovo e que estaba preso na Illa de San Simón. Xulio non era moi de contar. Era desas persoas que preferiron pecharse ás lembranzas dolorosas. E eu quería darlle espazo a ese silencio imposto, abrirlle unha fiestra, porque hai que contar esas historias que quedaron sen contar. E contalas dende a perspectiva da cativada e das mulleres, que son as vítimas invisibles de todos os conflitos da humanidade. A historia nunca a escriben nin as mulleres nin os nenos. A literatura serve para recuperar esa historia en minúscula que non forma parte dos libros.

Quen eran as lavandeiras de San Simón?

As madriñas. Así se lles chamaba popularmente. Era un grupo de mulleres particulares que decidiron, dunha maneira voluntaria e altruísta, lavarlle a roupa aos presos que estaban en San Simón. Arredor da illa, funcionaba toda unha rede de axuda. Dela formaban parte, por exemplo, Faustino da Portela e a súa muller, que transportaban víveres, roupa e familiares no seu barco. Estas mulleres lavaban a roupa de xente que nin coñecían como un acto de saúde, pero tamén de afecto, complicándose moito a vida por facelo. A min interésanme moito estas redes solidarias altruístas que case sempre funcionan por detrás. Como a das irmás Touza en Ribadavia. Para min son auténticos actos revolucionarios. Eu quería destacar aquí o papel da filla, a nena que non comprende o que pasa, que non entende por que cando se fai unha empanada na casa non é para elas ou por que a súa nai pasa tanto traballo para non gañar nada de diñeiro... Ata que un día a acompaña.

O conto complétase con fotos reais nas gardas do libro e cuns apuntamentos históricos. Foi complicado pensar esta obra para a cativada?

Eu, neste caso, tíveno sinxelo porque había moito traballo feito por parte de investigadores e asociacións. Tratei de citalos a todos. E fun moitas veces á illa e a Redondela.Porque quería ser moi rigorosa. Igual que a ilustradora, Bea Gregores. De feito, a ilustración da cuberta está inspirada nunha foto real, a de Alfredo Bautista Reisiño e outros presos saíndo da illa, que se pode ver dentro do libro. Esa parte na que se contextualiza a historia para min era fundamental. Ao final, vinme na necesidade de compartir a documentación na rede (sansimon.evamejuto. com), de ofrecerlla, sobre todo, aos profes, por se queren usala para tratar o tema da memoria nas aulas. Isto non é tanto un libro como un proxecto. De feito, é o primeiro título dunha nova colección de Xerais, ‘Pequena memoria’.

Que vostede tamén vai coordinar.

É un proxecto do que falara hai tempo con Manuel Bragado e que agora sae adiante. A miña tese doutoramento foi un traballo de investigación de máis de dez anos sobre os álbums testemuño, que serven para contarlle a historia ás crianzas. En España e en Galicia non hai moitos. Pero para min é unha ferramenta moi fermosa e moi útil. Porque habitualmente serve para contar a historia dende unha perspectiva moi humana. Eu non quería que este proxecto acabase nun libro meu, porque é unha historia que me toca, ambientada nunha illa na que hoxe se fai un festival...

Interésanme moito estas redes solidarias que funcionan por detrás. Para min son auténticos actos revolucionarios

Un festival que contribuíu á controversia sobre os usos da illa.

Exactamente. Samaín en San Simón. Noite Pirata en San Simón. Está ben que a rapazada saiba por que hai controversia con este tema. Pequena memoria ten que ver coa idea de recuperar a memoria a un nivel máis pequeno, a un nivel máis humano. Este só é un punto de partida para que outras autoras conten outras historias e se cree un conxunto de obras ilustradas e ben coidadas que resulten estimulantes e que abran a porta a ese pasado que non vemos.

Menciona ás irmás Touza, que protagonizaron a súa novela anterior, A memoria do silencio. Interésalle especialmente recuperar a memoria vinculada ás mulleres ou foi algo que cadrou?

Non, non cadrou para nada. Cando ti escribes, falo sobre os teus gustos, o teu universo, os teus intereses. E os meus teñen que ver coas mulleres, coa memoria histórica, coa diversidade sexual... Despois, uns fíos tiran por outros. E todo forma parte dun proxecto literario persoal. Penso que, no meu caso, levo moitos anos remoendo certas historias, que son as que agora me están saíndo.

Ademais de escritora e colaboradora do programa Zigzag da Televisión de Galicia, é a coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Estase traballando na edición do ano que vén ou mantéñense á expectativa?

Aínda ben non se pecha unha edición, xa estamos a organizar a outra! Si que é verdade que somos prudentes porque a incerteza sobre o que vai pasar segue a ser brutal. Preparamos un formato que combina a presencialidade física co virtual. Porque está por ver se aqueles centos de persoas que se xuntaban as fins de semana o poderán volver facer. Tratar de organizar unha programación así é un reto, pero tamén é estimulante ter que facer fronte ao cambio, ter que adaptarse ao que sucede como fixemos este ano, sacando un salón adiante en plena pandemia.

"Hai que contar as historias que quedaron sen contar"
Comentarios