"Hai cousas que non hai que reinventar, só saber aproveitar"

Cumpre un ano de vida un dos espazos máis orixinais e inclasificables de Pontevedra, O Sanatorio. O seu creador, Juan García, fai un balance positivo deste lugar que el entende como un espazo vivo e en permanente evolución. "O obxectivo está cumprido", sinala
O responsable de O Sanatorio, Juan García. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O responsable de O Sanatorio, Juan García, nun dos recunchos do espazo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Foi sede do festival Novos Cinemas. Acolleu concertos de Julián Maeso e de Carolina Rubirosa. Talleres gastronómicos, encontros creativos e artísticos de todo tipo, presentacións de libros... É un espazo de ocio e un espazo de traballo. O pasado 25 de abril, O Sanatorio cumpriu un ano de vida convertido nunha referencia na vida social de Pontevedra. O empresario, xestor cultural e deseñador Juan García (Santiago de Compostela, 1971) foi o seu creador.

Abriu un 25 de abril adrede?

Abrín adrede o 25 de abril do ano pasado, si. Porque é unha data importante, moi significativa, moi apegada aos movementos populares e moi relevante na historia de Portugal. Nesa data, os nosos veciños demostráronnos que avanzar na vida tamén se pode conseguir por outros camiños. E iso ten moito que ver con O Sanatorio.

Que plans tiña naquel momento?

Non sabía realmente o destino do lugar. Sabía que o espazo tiña unha historia e unha importancia significativa na cidade e que levaba moito tempo vacío. Aínda que a Mutua Galega usara parte do espazo había moitos anos e máis recentemente fora tamén unha escola de ioga, a maior parte do edificio permanecera sen uso dende 1971, cando faleceu Celestino Poza fillo. Eu pasaba todos os días por diante deste lugar. Espertou a miña curiosidade, sobre todo, porque, a pesar de ser un edificio voluminoso e en pleno centro, fixérase dalgún xeito invisible.

Quixo conectar o seu proxecto co pasado do edificio chamándolle O Sanatorio.

Fíxate que eu descubrín a historia do sitio despois de telo alugado xa, o 23 de xuño de 2020, en plena pandemia. A partir de aí foi cando empecei a investigar e, a través de publicacións de historiadores da cidade, foi que descubrín un pasado impresionante. Foi como un frechazo. E foi aí cando decidín poñerlle O Sanatorio. Porque hai cousas que non hai que reinventar, só saber aproveitar. Ademais, o noso fin é moi similar ao do sanatorio que aquí existiu: axudar a curar e a protexer ás persoas.

Tampouco é necesario definilo todo, saber exactamente que é cada cousa. Por que non vivir nun mundo de pequenas utopías onde haxa sitios que simplemente funcionan?

A pregunta máis difícil e que más se repite: que é O Sanatorio?

1.600 metros cadrados adicados a non se sabe moi ben que, eh? Nin nós mesmos o sabemos, pero tampouco é necesario sabelo exactamente. Non pasa nada, non hai que definilo todo. Por que non vivir nun mundo de pequenas utopías onde nada teña un sentido claro, pero onde haxa sitios que funcionan e que axudan a construír? A min gustaríame que O Sanatorio fose iso, un lugar onde se lle dá cabida a esas persoas que teñen ganas de construír. Aquí pasa de todo, por iso é difícil contestar a esa pregunta. É un espazo aberto no que están a ocorrer moitísimas cousas. E non só unicamente relacionadas co mundo da arte. 

Aínda que a actividade cultural e artística quizais oculte un pouco todo o demais, como que é un espazo de coworking.

Tampouco é exactamente un coworking, aínda que, ao principio, eu mesmo empreguei esa palabra. Pero non o é porque nada está tarifado. Hai espazos que teñen ese uso, pero non reducido excluvisamente a quen poida pagalo con cartos. É dicir, ti aquí tes que presentarnos un papeliño con tres puntos: que é o que fas, que é o que necesitas e que podes achegar a O Sanatorio, como podes contribuír a que o espazo siga vivo. Isto último pode ser unha achega financieira, porque evidentemente temos uns gastos, pero tamén doutro tipo, a través do teu traballo ou do teu talento.

Longa vida a O Sanatorio ou pecharase cando se teña que pechar?

Mira, eu estou feliz e enormemente sorprendido pola cantidade de riqueza que, arredor deste lugar, se xerou só nun ano. Penso que temos que ver con outros modelos como Espacio Open, de Bilbao, que axudan a construír comunidade. Polo demais, só existe hoxe. Gocémolo a tope. Levamos un ano de experiencias imborrables e iso non nolo quitá ninguén. O obxectivo está cumprido.

Comentarios