sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

Por que hai que ir ver 'María Solinha'

Unha imaxe promocional da película 'María Solinha', de Ignacio Vilar. DP
Unha imaxe promocional da película 'María Solinha', de Ignacio Vilar. DP
O director do filme, Ignacio Vilar, dá cinco razóns para asistir á proxección da súa película: do uso do plano secuencia como recurso narrativo ata o compromiso co feminismo e a memoria pasando polo xogo que propón entre realidade e ficción

Redondela primeiro (venres 19 de xuño) e Cangas despois (sábado 20) acollerán esta semana a estrea da última película de Ignacio Vilar, María Solinha, un filme que se rodou maioritariamente nestas dúas localidades da provincia de Pontevedra. Apoiada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e pola Deputación Provincial, María Solinha volve sobre a figura da muller de Cangas do século XVII acusada de bruxería e posteriormente convertida nun símbolo. Grial Montes e Laura Míguez son as figuras centrais dun reparto do que tamén forman parte Santi Prego, Antonio Durán Morris e Mabel Rivera.

►Toda a información sobre a película pódese seguir nas súas redes sociais e na páxina web www.vialacteafilmes.gal

O director do título, Ignacio Vilar ( Vilamor, A esmorga), ofrece cinco razóns para non deixar pasar a oportunidade de achegarse ao seu traballo, que se exhibirá ao longo do verán en distintos espazos de Galicia (auditorios ao aire libre, cines de rúa, autocines, etc.) e posteriormente en salas.

1. "Hai que ver María Solinha porque é unha crónica imparable da enerxía feminina deste mundo, fronte a tantos dragóns ou cocos malos -de Redondela ou de onde sexa- que saen das covas, unha e outra vez, para devorar a carne viva do mundo".

2. "Porque trata da continuidade histórica dos espazos e os xeitos de vida ao longo do tempo. Os personaxes do XVII deambulan polo Cangas contemporáneo, creando un dispositivo narrativo que mestura realidade, ficción e documental, reconstrución e recreación nun xogo de espellos enfrontados que por veces non somos quen de diferenciar con claridade".

3. "Pola tension que crea a película nunha sucesión de planos que non contan, só evocan para que os ollos que reciben reconstrúan os fíos que van asomando. Porque somos nós, as espectadoras, quen debemos darlle a forma definitiva ao filme. Libre. Como a vida das mulleres".

4. "Porque o plano secuencia continuado na película produce un efecto hipnótico. A pantalla convertese na conciencia do espectador que deambula como un espírito entre as personaxes. Estamos nunha distopía na que se reúnen o contemporáneo e o século XVII para mesturar realidade e ficción, teatro e documento nunha constructo sólida e sorprendente".

5. "Porque a película de María Solinha deixa nos miolos unha pregunta incómoda: tres séculos despois fican as mulleres a salvo de todo tipo de Inquisición? Faino a través dun compromiso claro co feminismo e a memoria contado de xeito orixinal e innovador que non deixa indiferente e que converte María Solinha nunha cita ineludíbel neste verán do 2020".

Estreas. Entradas esgotadas en Redondela e Cangas
As entradas para as dúas primeiras proxeccións de María Solinha (venres en Redondela e sábado en Cangas do Morrazo) están esgotadas. "En realidade, a nosa intención é tratar de facer outra proxección da película en cada unha das dúas localidades, máis adiante, para que poidan vela todos os veciños que queiran", explican na produtora Vía Láctea, responsable do filme. "É normal que exista un especial interese en coñecer o traballo neses dous lugares, onde se gravou na súa grande parte".

Verín
O domingo 21 de xuño terá lugar a seguinte proxección programada polos responsables de María Solinha. Será en Verín (Ourense), ás 22.00 horas, co formato autocine (no parking central da vila). Esta é precisamente unha das particularidades da distribución do filme, que anunciou a súa exhibición en máis de 100 localidades galegas ao longo do verán (ao aire libre ou en autocines). As entradas para o pase de Verín están á venda en ataquilla.com (8 euros).

Pontevedra
Á espera que se coñeza o calendario definitivo de proxeccións do filme, en Vía Láctea tamén avanzan que fóra desas exhibicións especiais quedan, en principio, as grandes cidades galegas e vilas que contan con salas de cine comercial. "Porque a nosa intención é poder chegar a estrear nos cines cando estean instalados nesta nova normalidade". Sería o caso, por exemplo, de Pontevedra, que terá que agardar polo momento para ver o título de Vilar.

Toda a información sobre a película pódese seguir nas súas redes sociais e na páxina web www.vialacteafilmes.gal.

Por que hai que ir ver 'María Solinha'
Comentarios