José Ramón Morquecho: "Hai que rebentar contra o cadro"

O pintor vén de repasar a súa traxectoria nunha exposición on Pazo da Cultura de Pontevedra
Morquecho. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)
photo_camera Morquecho. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)

SEGREDOS PERSOAIS, como poemas íntimos e unha serie de acuarelas, completan as 150 obras que José Ramón Morquecho (Pontevedra, 1946) presenta na que é a gran exposición de verán do Pazo da Cultura de Pontevedra. Permanecerá aberta ata o 27 de setembro. "Animo a todos os pontevedreses a cruzar o río e ir a vela. Agora que temos unha cidade que se pode camiñar, que se pode gozar e mastigar, hai que aproveitar".

Dixo que lle facía especial ilusión expoñer en Pontevedra. Por que?

Porque, aínda que xa fixen algunha exposición individual con anterioridade, tiña ganas de facer unha gran retrospectiva. Para iso tamén son eu de Pontevedra.

Esta, efectivamente, é unha gran retrospectiva: xuntou nela 150 obras.

Son obras dos últimos 20 anos, da etapa máis recente.

Que é o que se pode ver aquí?

Eu, ata os anos 80, fixen tanto paisaxes como bodegóns e figura humana. A partir dese momento, centreime na paisaxe. Sempre me gustou o campo. E aproveitei todas as miñas viaxes para traballar. Por exemplo, cando fun a Finlandia, un país do que tiña unha imaxe un pouco idealizada e que, cando cheguei, atopei que era igual ou mellor. Así que trouxen as paisaxes de Finlandia. Vermont [Estados Unidos] tamén foi un lugar moi importante para min. Aínda que de alí non hai pezas, porque se venderon todas. Quedei sen ningunha.

"Eu non son un tipo analítico: eu acumulo cousas na cabeza que un día explotan no estudio"

Pero Vermont está presente na mostra de Pontevedra.

Si, porque nunha das salas hai unha montaxe con fotografías de obras que inclúe lenzos de Vermont. Se fun alí, foi porque antes fun ao Courel. E no Courel o outono é espectacular. Dalgunha maneira remitíame a Nova Inglaterra. Así que marchamos comprobalo. Acabamos pasando alí todo un outono e así puiden retratar esas paisaxes magníficas.

A maiores ten retratado Marrocos, Alemaña...

Eu son máis amigo do Norte, do frío, pero miña muller tiña moita gana de ir a Marrocos. Así que fomos e quedei abraiado coa luz de África. O de Berlín foi cousa miña. Tiña moito interese en probar a traballar alí. Planificamos estar seis meses e acabamos estando dous anos.

A súa filla Eva é a comisaria da mostra. Isto complicou o proxectou ou fíxoo máis sinxelo?

Fíxoo máis sinxelo, porque eu teño un temperamento complicado, un pronto difícil, e ela coñéceme ben. Viviu o meu traballo dende pequena; conviviu cos meus amigos, Oroza, Maside... No canto de ir de vacacións á praia, viña con nós aos museos: a ver a Goya a Madrid, a Toulouse-Lautrec a Albi, ao Louvre... Coñéceme ben a min e ao meu traballo.

Que é iso de que incluíu algún segredo na exposición?

Poemas, acuarelas e debuxos. Levaban tempo animándome a que mostrara estas cousas, pero non o facía, porque eu son pintor. Non é que non teñan ningún valor, pero eran obras que estaban reservadas porque son moi íntimas. Os meus poemas son como os cadros. Eu non son un tipo analítico: eu acumulo cousas na cabeza que un día explotan no estudio, ás veces en forma de cadro, ás veces como poesía. Por iso son rapidísimo traballando, porque está todo máis que machacado na mente.

Defínese como un autor impetuoso. "Hai que pintar co corazón e coas tripas", ten dito.

Si, si, si. Ser un autor meticuloso, analítico e reflexivo non vai comigo. Se intento facer algo así, seguro que non sae. É mellor poñerse a traballar sen pensalo moito. Aí é cando sae o que tes dentro, cando se funciona co corazón e coas tripas. Un debe explotar. Polo menos, eu son así, de abrirme totalmente, non de andar con pequenos detalliños. Hai que rebentar contra o cadro.

Cambiou a súa concepción da pintura nestes 20 anos ou segue a ser a mesma?

Non estou seguro. O meu amigo Miguel Valle-Inclán, cada vez que me ve, di que sigo como sempre. Paréceme ben, porque aínda conservo esa parte un pouco infantil e xuvenil de curiosidade, de gana de facer cousas. Pero é verdade que un vai pouco a pouco queimando etapas. Non porque o busque, senón porque simplemente é algo que pasa. É normal ir experimentando mentres se vai facendo

Comentarios