Henar Álvarez protagonizará unha festa feminista en Pontevedra

A guionista e escritora falará coa xornalista Carolina Sertal o 21 de xuño, no Mercado, antes dunha sesión de Yaya DJ e Señora DJ
Unha imaxe promocional de Henar Álvarez.
photo_camera Unha imaxe promocional de Henar Álvarez. DP

A guionista e escritora Henar Álvarez será a protagonista da Festa Feminista que o Concello de Pontevedra recupera, despois de ter que anular debido ao mal tempo a proposta lúdica e musical coa que tiña previsto rematar, na Praza de España, a programación do pasado 8 de marzo. Neste caso, a actividade terá lugar o 21 de xuño no Mercado de Abastos (a partir das 19.00 horas; entrada de balde). 

Primeiro, Álvarez, que acaba de estar en Vilagarcía de Arousa participando no Festivala, onde presentou a súa novela Ansia, falará coa xornalista Carolina Sertal. Despois será cando se recupere a festa da man de Yaya DJ e Señora DJ, "dúas mulleres que traballan nun espazo tipicamente masculinizado", sinalou a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, que presentou este luns a actividade.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, na presentación da Festa Feminista de Pontevedra. DAVID FREIRE
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, na presentación da Festa Feminista de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Festa Feminista forma parte da campaña que o Concello deseñou arredor da celebración do Día da Muller deste ano, que se desenvolveu baixo o lema Ábrelle a porta ao feminismo

"Cando presentamos este programa municipal comentamos a importancia da elección das palabras nas campañas políticas do Concello e de chamar as cousas polo seu nome, tal e como fixemos na campaña do 25-N", lembrou a edil. "Fixémolo de novo no 8-M e así queremos que siga sendo: manter ese espírito de celebración, celebrar o que somos, ver o feminismo como unha cuestión imprescindíbel para avanzar".

A Festa Feminista recupérase, segundo dixo Anabel Gulías, para lembrar que «as feministas temos a capacidade de non renunciar, de poñernos de pé e superar as adversidades, sendo contundentes e cun sorriso nos beizos, para explicarlle a quen queira explicar que o feminismo é imparábel".

Comentarios