Heredeiros da Crus presenta 'Derretidos', a súa "aposta máis persoal"

A banda de Ribeira amosou este venres o seu último traballo, despois de presentar en directo na TVG o seu videoclip 'Esquimales'. Este venres Heredeiros inicia a súa xira 'Europrea'
Captura do videoclip de 'Esquimales'. YOUTUBE
photo_camera Captura do videoclip de 'Esquimales'. YOUTUBE

Volven os máis 'jrandes', e volven con máis forza que nunca. Seis anos despois de publicar o seu anterior disco ('Jard Rock con Fe') e tres despois do último single ('Buscando a Superfama'), os Heredeiros da Crus sacaron á luz este venres o proxecto no que levan traballando dende comezos de ano, 'Derretidos', composto por doce temas nos que a banda de Ribeira retoma as súas orixes.

O son da guitarra convértese en protagonista, xunto coa sorna e a retranca que tanto caracteriza a Javi Maneiro, Fran Velo, 'Tonhito de Poi', 'Tucho' e Manu Rey. Pouco antes de liberar en YouTube e Spotify, Heredeiros presentou no programa da TVG 'Land Rober' o videoclip do tema 'Esquimales', que en apenas 24 horas rexistrou máis de 8.000 reproducións na rede social de vídeo. No espazo que presenta Roberto Vilar soou tamén por vez primeira a canción 'Tanga do revés', inspirado nunha anécdota que os músicos escoitaron nunha visita anterior ao devandito programa.

"Máis fortes ca nunca, coa súa aposta máis persoal e baixo a atenta mirada de Iago Lorenzo na produción, Heredeiros da Crus lanzan o seu disco máis contundente onde defenden o seu espíritu propio e definen e perfilan un son más rockeiro e atemporal", defenden dende a banda, salientando tamén as "reminiscencias dos 70" que se poden apreciar en 'Derretidos'. O álbum pódese mercar a través da plataforma Bandcamp.

XIRA 'EUROPREA'

Heredeiros da Crus presenta este venres o seu traballo no festival Arrecife en Vivo de Lanzarote, dando comezo deste xeito á súa xira 'Europrea'. Posteriormente, a banda visitará Londres (2 de novembro), Barcelona (9 de novembro), Madrid (23 de novembro), Santiago de Compostela (30 de novembro) e Xenebra (7 de decembro).

Comentarios