Heredeiros da Crus e Poetarras confirman a súa presenza en SonRías

A XIV edición tamén contará coas actuacións das bandas Boicot e Lendakaris Muertos
Actuación na última edición do festival SonRías
photo_camera Actuación na última edición do festival SonRías

O Festival SonRías Baixas, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto -venres 5 e sábado 6- xa ten confirmada a presenza de dúas bandas de referencia no panorama do rock español e outros dous "dos máximos expoñentes da provocación feita música" en Galicia.

Así, os míticos Lendakaris Muertos, máximos expoñentes do punk español máis gamberro e absurdo, regresan aos escenarios despois dun parón de dous anos. Terán na cita con SonRías Baixas a súa parada oficial no Noroeste peninsular. Por outra banda, os madrileños Boikot regresan a Bueu, por aclamación popular, despois de arrasar na edición de 2013 coa súa enerxía e diversión revolucionaria. Tamén repiten Heredeiros da Crus, nun dos poucos concertos de gran formato que ofrecerán este verán. Pechan o primeiro avance de bandas confirmadas Poetarras, un colectivo especialista en cancións pegadizas e irreverentes, expoñentes da nova retranca galega. Este é só un avance do cartel de SonRías e a organización promete ofrecer máis novas nas vindeiras semanas.

TROULA. O Festival SonRías Baixas acada este ano a súa XIV edición, grazas ao traballo da Asociación Troula na Banda, que conta co apoio do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra e a axuda do Hotel Incamar, de Gadis, de Merc, da empresa de xestión cultural Play Plan, produtora do evento, e de Rei Zentolo, responsable da campaña gráfica.

Troula na Banda salienta tamén o papel determinante do público, que terá que refrendar un ano máis a ‘Experiencia SonRías’ coa súa fidelidade.

A particular mestura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado.

Co slogan ‘de Festivaleiros para Festivaleiros’, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.

Comentarios