'Hierro', unha serie "da Champions" para o décimo aniversario de Augal

Medio cento de estudantes de Ciencias Sociais asistirán á máster class protagonizada por oito membros do equipo desta producción galega, de Portocabo, que triunfa en todo o mundo
Paulino Pérez, Jorge Soto, Emma Torres e Jacobo Sutil, este luns na presentación. GONZALO GARCÍA
photo_camera Paulino Pérez, Jorge Soto, Emma Torres e Jacobo Sutil, este luns na presentación. GONZALO GARCÍA

A Máster Class Audiovisual Galego Augal, unha actividade dirixida achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación á realidade do sector profesional conmemora desde hoxe o seu décimo aniversario cun monográfico sobre a serie Hierro, que achegará á facultade varios dos responsables desta produción que Portocabo realiza para Movistar+ e a canle francesa Arte, gañadora en 2019 do Ondas á mellor serie española.

Coordinada polos profesores Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Augal estrutúrase en catro sesións, que terán lugar hoxe, mañá e os días 18 e 19 de maio.

"Hierro pareceunos unha serie que está a xogar na Champions, que pode competir con producións americanas e que permite pór en valor que en Galicia somos capaces de facer moi boas producións", salientou Paulino Pérez desta décima edición de Augal, que leva por título Deconstruíndo Hierro e que este luns presentou xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres.

Soto definiu Augal como "o acto máis importante que hai agora mesmo en Galicia para entendernos desde o audiovisual galego" e lembrou que "forma parte xa do ADN deste campus”. A covid-19 obrigou nos últimos meses "a que moitas das actividades que tiñamos no campus" quedasen paradas, pero esta desenvolverase de xeito presencial na facultade, cun aforo reducido por mor das medidas de distanciamento ás que obriga a pandemia. De feito, como lembrou Pérez, este luns xa estaban cubertas 43 das 49 prazas dispoñibles para un evento que buscar "manter o vínculo entre a formación que damos no centro e o contexto profesional", como engadiu Torres, quen salientou o labor dos seus coordinadores "para que non se produza ningún tipo de separación entre a formación que recibe o alumnado e a realidade do mercado ao que se van enfrontar".

SECTOR ESTRATÉXICO. Torres puxo en valor o traballo da facultade na formación de "profesionais competitivos" para un sector "estratéxico para o desenvolvemento de Galicia". Nese senso, a decana salientou que a pandemia serviu para confirmar que o audiovisual "se ten convertido no transmisor fundamental da cultura e nun elemento de cohesión social", ademais da "importante función" que supón tamén o entretemento, o que a levou a incidir na necesidade de que o sector conte con "profesionais que acheguen valor a eses contidos audiovisuais que se teñen convertido no material fundamental en torno ao que a sociedade está vivindo".

Nese mesmo senso, Sutil reafirmou o apoio da Xunta cun evento que "pon en relación aos estudantes que van formar pronto parte deste sector coa xente que está facendo evolucionar unha industria que está vivindo un momento moi bo". Dar a ese alumnado a posibilidade dun "contacto directo cos profesionais ao máis alto nivel mundial" e "tamén é bo que os profesionais recollan as opinións de estudantes con coñecemento e que lles poden axudar na súa tarefa".

Programa. Este martes, Araceli Gonda e Pepe Coira

Carátula da serie Hierro, con Darío Grandinetti e Candela PeñaA sesión deste martes está centrada no guión desta produción, coa participación de Pepe Coira, que tamén colabora como asesor desta máster class, e Araceli Gonda, cuxo labor en Hierro foi xa premiado nos premios Iris ou Mestre Mateo.

O mércores, a directora de produción, Marta Míguez, tamén recoñecida co Mestre Mateo, abordará como se levou a cabo este traballo "nunhas circustancias tan complexas como é producir nunha illa en tempos de pandemia", lembrou Pérez. A presidenta da academia galega do audiovisual compartirá xornada co axudante de dirección Diego Méndez, que afondará na rodaxe desta serie nunha actividade que non poderá contar co director de Hierro, Jorge Coira, por atoparse actualmente rodando a súa nova película.

Música e posproducción
O martes 18 porase o foco na música, nun coloquio co compositor Xavi Font e a música Elba Fernández, recoñecidos tamén co Mestre Mateo por Hierro. O editor Gaspar Broullón completará esta terceira edición cun coloquio centrado na posprodución da serie. Por último, augal celebrará o 19 a sesión de clausura, co coloquio Desde o desenvolvemento á estrea, a cargo do produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, Fosco.

Comentarios