Historia de mil e unha noites de pedra

Carlos Callón recompila, nun volume de máis de 700 páxinas, episodios de represión lingüística en Galicia que van dende vareadas á cativada nas escolas ata queimas de libros pasando por escritos do Padre Sarmiento usados como papel hixiénico. O autor di que, pese a todo, O libro negro da lingua galega garda unha mensaxe de esperanza
Detalle da Táboa de Belvís, que está depositada no Museo de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Detalle da Táboa de Belvís, que está depositada no Museo de Pontevedra. RAFA FARIÑA

"Os libros negros eran cartularios medievais que se chamaban así porque tiñan as tapas negras. Ao comezo indicaban os feitos xerais máis importantes dunha sociedade, pero remataron por incluír os feitos represivos. Aquí o que faltaba por contar era iso: a historia da represión da nosa lingua", explica o profesor e presidente durante doce anos (2002-2014) da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón (Ribeira, A Coruña, 1978). 

O autor traballou durante oito anos na recompilación e documentación de episodios de represión lingüística en Galicia sufridos ao longo de cinco séculos. O resultado é O libro negro da lingua galega (Xerais, 2022) e inclúe dende as vareadas que recibían os nenos e nenas galegofalantes nas escolas ata as multas franquistas por usar o galego pasando polo uso de escritos do Padre Sarmiento como papel hixiénico por parte doutros frades do convento de San Martín en Madrid.  Mil e unha noites de pedra é o capítulo central do libro de Callón.

"Teño que recoñecer que o verán pasado o pasei ben fresquiño en bibliotecas e arquivos de Santiago, de Pontevedra, de Tui...", conta. "Ao comezo, a miña intención era reunir o que estaba disperso en diferentes investigacións e que fun coñecendo a través do meu traballo como historiador ou como filólogo. Mais, unha vez que comecei, vin que había moitas cousas que aínda non foran traballadas e iso serviume de combustible. A partir de aí fun tirando".

Queda moito por traballar e por descubrir. Parece que os arquivos están todos traballados e as bibliotecas están todas consultadas e non é verdade

Callón recoñece que lle quedou un libro voluminoso, pero aclara que non está especificamente dirixido a estudosos da lingua. "Redacteino pensando en que puidese lelo calquera persoa. Houbo detrás un traballo de investigación, pero está feito para que sexa accesible a todo o mundo", conta. "É un libro para ser usado, non para gardar no andel. É para ler, para coñecer, para reflexionar e para servir de punto de partida a novas investigacións, que estou seguro que realizarán outras persoas".

O profesor confesa que, documentando os diferentes episodios, deu con moitas historias que o sorprenderon. "Por dicir unha, ademais vinculada a Pontevedra: a do regulamento escolar de 1796. Seguindo unha investigación de Lois Obelleiro dei con ese regulamento e editei a parte relativa á lingua, que é abraiante. Fala de delinquir e de perseguir e de echar fuera de la escuela a los incorregibles. É incrible que se perdera a memoria de todo aquilo porque é moi importante. Seguimos padecendo as secuelas", di Callón. "Isto demostra que queda moito por traballar e por descubrir. Parece que os arquivos están todos traballados e as bibliotecas están todas consultadas e non é verdade. Queda moitísimo por facer".

A historia da Táboa de Belvís ten que ser a historia da lingua galega: maltratada durante séculos, aquí estamos hoxe tratando de devolverlle o lugar que lle corresponde

Ademais do caso do regulamento escolar do século XVIII, Pontevedra aparece noutras ocasións en O libro negro da lingua galega. Callón recolleu, por exemplo, o caso dunha queima de libros editados por Sabino Torres. "A quen lle pode molestar un libro de poesía? A quen lle pode molestar unha tradución do alemán? Pode alguén imaxinar que Salamanca acollese unha queima de libros en castelán?", comenta Carlos Callón. "Pero é que o franquismo tamén queimou traducións ao galego do Códice Calixtino!". 

Precisamente onde vai presentar este sábado o seu libro, o Museo de Pontevedra, está depositada a Táboa de Belvís, que protagoniza outro dos episodios que recolle o volume. "O que pasou con esa  táboa resume este libro", conclúe Carlos Callón. "Porque esa táboa gótica que incluía unhas inscricións orixinalmente en galego foi, a finais da Idade Media, pintada por enriba e reescrita en castelán. Son os restauradores os que descubriron o fraude e rescataron a lingua orixinal. A historia da Táboa de Belvís ten que ser a historia da lingua galega: maltratada durante séculos, aquí estamos hoxe tratando de devolverlle o lugar que lle corresponde".

Presentación e roteiro, este sábado, en Pontevedra
Carlos Callón presenta este sábado O libro negro da lingua galega en Pontevedra. Farao acompañado por Sabela Bará, Pilar Freitas Juvino e Valentín García Bóveda. "E outros dous convidados que hai tempo que non veñen por Pontevedra e teñen moitas ganas de estar no acto: o Padre Sarmiento e o seu gato Mizaldini, que el nomeu bibliotecario". A presentación terá lugar ás 11.30 horas no Edificio Castelao do Museo e está aberta a todo o público interesado. Dende alí partirá un roteiro con parada en distintos escenarios de represión lingüística en Pontevedra.

Comentarios