Homenaxes e premios para sementar o futuro da lingua galega

Noa Rodríguez, alumna de Belas Artes, recolleu un dos galardóns literarios da UVigo nun acto que lembrou a María Victoria Moreno

Mato, Llácer, García e Acuña xunto cos estudantes premiados, onte na Casa das Campás. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Mato, Llácer, García e Acuña xunto cos estudantes premiados, na Casa das Campás. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, e ao seu amor á lingua galega, e un recoñecemento aos gañadores dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria que promove a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo foron os dous eixos do acto que este luns enxalzou o galego e as súas letras na Casa das Campás.

O reitor en funcións, Salustiano Mato, lembrou a unha escritora e docente "sementadora de futuro". Así mesmo, destacou aos vencedores dos premios, "que, seguindo o ronsel de María Victoria Moreno, cultivades o uso do galego e sementades futuro". A profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Ana Acuña e a propia filla de María Victoria Moreno, Begoña Llácer, foron as encargadas de homenaxear a unha escritora, nacida en Estremadura en 1939, cuxa relación "coa nosa terra, a nosa lingua e a nosa literatura foi unha historia de amor", salientou a docente.

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, incidiu tamén na "relación de amor" de Moreno e o galego para pór de relevo a "importancia dos neofalantes".

NOVE PREMIOS. O xurado recoñeceu nove dos 27 traballos presentados, que apostaron pola creatividade literaria en lingua galega. É o caso do poemario As espiñas do ourizo, da alumna de Belas Artes Noa Rodríguez Méndez, quen se amosaba ilusionada e sorprendida por ter acadado o primeiro premio nesta modalidade cunha obra "íntima e persoal", coa que, no seu último ano na facultade, decidiu presentarse por primeira vez a un concurso literario.

O enxeñeiro de Minas e alumno dun mestrado en Empresariais Francisco Javier Fernández, tamén accésit en poesía con Dama de auga, gañou o primeiro premio na modalidade de relato curto polo texto K.A.R.M.A.

Na modalidade de tradución literaria, o primeiro premio foi para o alumno do Grao en Tradución e Interpretación Manuel Arca Castro, que xa en 2017 obtivera este mesmo galardón pola súa tradución de dous relatos de Raymond Carver. Desta volta lográbao coa tradución de cinco poesías deste mesmo autor, do que destaca a súa "sinxeleza para trasladar a rutina e a soidade que nos circunda nas nosas vidas" e no que "a naturalidade e sinxeleza" das súas verbas tornáronse "o máis complexo de recrear na tradución". Xunto a Arca, que ve neste premio o "feche de ouro ideal" á súa etapa como alumno de grao, foron recoñecidos cun accésit as traducións que Moncho Iglesias e Nancy Cuquejo realizaron de textos de Rupi Kaur e Chantal Cahour. Así mesmo, o xurado recomendou a publicación da tradución que Mateo Ramos realizou dun texto de Lucy Felthouse.

No acto participaron o vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, e o que será o seu sucesor neste cargo, Jorge Soto, así como a escritora e académica Fina Casalderrey.

Begoña Llácer lembrou a María Victoria Moreno como unha persoa que "amaba ao alumnado" e cuxa "actitude na vida era ir cara adiante cun sorriso". A filla da homenaxeada no Día das Letras Galegas recoñeceu tamén que este 2018 está a supor para a súa familia "unha experiencia marabillosa", pero tamén "esgotadora en emocións", posto que a súa lembranza supón o "orgullo inmenso pola nai que tiven", ao tempo que "fai presente a súa ausencia". Llácer, nese senso, lembrou a Moreno non só como "unha apaixonada profesora, excelente narradora, sensible poeta, tradutora, rigorosa ensaísta, comprometida activista cultural, defensora dos animais e galega por amor", senón tamén como unha "nai esixente e estrita, pero moi cariñosa e divertida", que cada noite inventaba un conto para ela inspirándose nos debuxos do seu pixama.

Ana Acuña tamén centrou a súa intervención nos sentimentos dunha persoa "que florecía nas aulas e co seu alumnado". Na súa intervención, a docente puxo de relevo "o compromiso, a lealdade e a fidelidade" con Galicia e co seu idioma desta "galega de adopción desde 1963". Grazas a ese compromiso, lealdade e fidelidade, "que non sempre os galegos e galegas somos quen de manter", Moreno contribuíu a que "a nosa literatura medrase e se fixese vizosa no ermo da ditadura".

A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte salientou tamén que as súas obras dirixidas a un público infantil reflectían "un método pedagóxico baseado na aprendizaxe de valores", mentres que na súa literatura xuvenil "estaban presentes os máis desfavorecidos e os grandes problemas da nosa sociedade". Por todo isto, definiu a Moreno como unha persoa "adiantada ao seu tempo" que, "consciente das eivas da nosa literatura, foi enchendo os baleiros, porque o seu era sementar para o futuro".

A diversidade cultural, clave

Os pasarrúas partiron do campus e de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un pasarrúas a cargo dos participantes nas aulas de música tradicional que se desenvolven nos campus de Vigo e Pontevedra precedeu un acto que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como coas coplas dos regueifeiros Suso de Xornes e Josiño da Teixeira, que lembraron tamén que "a lingua ten futuro". Nese senso, Mato destacou que "a situación da nosa lingua precisa do maior amparo e do máis decidido impulso", ao tempo que salientou que a globalización debe pasar por "intentar conseguir que o mundo teña futuro, defendendo a diversidade cultural".

Comentarios