Gustavo Almeida: "Se hoxe son feliz, como o son, é grazas a Galicia"

Conseguiu que Fina Casalderrey lle escribise o prólogo. E que Teo Cardalda cantase por primeira vez en galego. O empeño do cantautor galego-brasileiro por publicar un traballo neste idioma conclúe coa saída á rúa de Vértice, o disco que presenta o venres 3 de febreiro en directo no Teatro Principal
O cantautor brasileiro afincado en Pontevedra Gustavo Almeida. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O cantautor brasileiro afincado en Pontevedra Gustavo Almeida. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un cuarto de século despois de afincarse en Pontevedra, Gustavo Almeida (Rio de Janeiro, Brasil, 1987) publica o que é o seu primeiro disco en galego. Vértice, que saíu o ano pasado, é un libro-disco no que reinterpreta nesta lingua o que era o seu traballo anterior. Faino acompañado por xente como Teo Cardalda, Nastasia Zürcher, Silvia Penide, Sheila Patricia, Manoele de Felisa e Brais Morán. Este é o cuarto disco do cantautor galego-brasileiro despois de La Cabaña (2008), Desde el coche (2014) e o mencionado Vértice (2019), que estaba composto por cancións orixinalmente escritas en castelán.

Por que decidíu traducilas?
Cando viñen a Galicia, recoñezo que non coñecía ben nin a súa lingua nin a súa historia. Pero co pasar dos anos, e despois de absorber todo o que absorbín, foise creando dentro de min a necesidade de facer cancións en galego. Aquel descoñecemento foise transformando nunha profunda admiración, non só pola cultura, senón tamén pola forma de vida na Galicia e pola forma de ser da xente. Eu que sei... 2Ti de quen ves sendo?". "Menos dá unha pedra". Non creo que ningunha outra lingua teña a capacidade de sintetizar nunha frase un estado de ánimo. Así que, por un lado, como músico e compositor comecei a sentir esa necesidade. Por outro, este disco é tamén unha maneira de agradecerlle a Galicia todo o que me deu. Porque se hoxe son feliz, como o son, é grazas a Galicia. A sorpresa foi aprender todo o que aprendín facendo este disco.

Que aprendeu?
Aloumiños. Nunca escoitara esa palabra. Nin ceibar. Hai palabras tan bonitas neste libro-disco. Tanto que me fixeron querer aínda máis esta lingua e este lugar. Porque ao final está todo conectado. Con este disco penso que creei un vínculo aínda máis forte con Galicia do que xa tiña. Non era consciente de todo o que ía gañar facéndoo. Foi algo moi bonito.

No mundo actual parece que todo se reduce a ter clicks e a conquistar a masa. Pero a min interésame poñer por diante o corazón e a coherencia

Ademais rodeouse de amigos e amigas artistas para facer varias das novas versións a dúo. Como xurdiron estas colaboracións?
Como era un disco que xa existía noutra lingua, eu non quería só volver gravar as cancións traducidas: quería que fosen diferentes. Cando ofreces dúas versións ben feitas, o debate sobre cal é mellor paga a pena. Se non, non merece a pena facer unha nova versión. Hai que intentar sempre superar, se cabe, a orixinal. Así que primeiro que nada, tratei de escoitar o meu corazón á hora de facer os novos temas. E, despois, escoitar o que dicían todas as persoas que os ían escoitando. A maiores, o resultado de todo isto está sendo marabilloso. Porque varios temas están soando simultaneamente na Radio Galega e iso faime moi feliz. Hoxe en día é moi difícil soar na radio. Penso que neste caso tamén ten que ver coa riqueza do traballo, coa posibilidade de escoitar a un brasileiro cantar en galego e facelo a dúo con alguén como Nastasia [Zürcher], que naceu en Suíza, ou como Teo [Cardalda], que nunca antes cantara en galego. ¡Teo Cardalda! Iso é como pedirlle a Deus que baixe e poña a camiseta do teu equipo de fútbol e che diga que si. En realidade, este proxecto foi unha loucura dende o principio. Imaxina pensar "vou sacar unha segunda edición de Vértice, que vai ser un libro-disco en galego". Máis nun mundo como o actual no que todo se reduce a ter clicks e likes. Todos os nosos pasos parece que teñen que dirixirse a iso, a conquistar a masa. Pero a min interésame poñer por diante o corazón e a coherencia. 

O traballo, que se publica como libro-disco, inclúe prólogos da comunicadora de Cuntis Baia Fernández e da académica da lingua pontevedresa Fina Casalderrey. 
Baia é unha amiga que me axudou moitísimo coa adaptación das cancións ao galego. Axudoume a enfrontar o reto de conseguir trasladar ao galego a rima e o sentido orixinal con total corrección. De Fina, que podo dicir: é unha lenda viva da literatura galega. Foi un luxo incrible que participase neste libro. Por enriba, co enorme agarimo que lle teño, porque é a miña veciña. Os dous vivimos en Lérez. Admíroa moitísimo.

Con esta versión do disco en galego, o título do álbum, Vértice, acada un novo significado ao confluír nel o seu lado brasileiro e o seu lado galego.
Efectivamente o título cadra moi ben con neste proxecto. A mesma portada tamén lle encaixa como un guante porque dun lado temos Cabo Home e doutro Rio de Janeiro.

Este disco tamén existe grazas aos 'miudiños' e ás ‘rianxeiras’ dos furanchos

No concerto do venres vanse poder escoitar as cancións por primeira vez en directo?
Todas elas si. Ata agora só interpretei algunha solta nos concertos. De feito, o reto do concerto do venres para min é que vai ser todo en galego. Non só os temas, senón todo o demais: todo o que se fale, poemas e algunha outra cousa. Vou facer xa un spoiler: cantaremos tamén cancións das que se cantan nos furanchos.

E iso?
Pois porque este disco tamén existe grazas aos miudiños e ás rianxeiras dos furanchos. Todo está relacionado, como che dicía. Eu vivo aquí e, realmente, o que vou facer é levar ao escenario o que vivo no día a día. 

Séntese máis galego-brasileiro que nunca?
A xente non é consciente do galego que son en canto saio de aquí. Pero Brasil segue moi presente en min. Iso é indiscutible. De feito, o 10 de febreiro saco un novo tema en portugués. No concerto do venres terá lugar precisamente a première do videoclip desa canción, O ceo sempre se abre, que canto co meu irmán Rodrigo. 

Vese hoxe como alguén moi diferente ao rapaz que chegou a España hai máis de 20 anos para xogar ao fútbol?
Si e non. Aquel rapaz segue en min. De feito, eu sigo xogando ao fútbol, nunha liga de veteranos, todas as fins de semana. E ségueme encantando. Con auténtica loucura. Pero a idade, a madurez e ser pai son cousas que che van cambiando as prioridades e a forma de pensar. Vas evolucionando. Aprendes a contextualizar as cousas e a velas en perspectiva. Hoxe, por exemplo, vexo todo o que rodea o fútbol doutra maneira. Penso que son unha persoa máis serena e que sabe enfrontar mellor a vida, que sabe valorar, por exemplo, o que significa vivir en Pontevedra, por enriba do que podería supoñer para a súa carreira artística trasladarse a unha gran cidade. Por iso non cambiaría por nada o lugar onde estou e por iso tamén a necesidade de sacar este disco.

TEATRO PRINCIPAL: 3 DE FEBREIRO
Gustavo Almeida presentará por primeira vez o seu novo disco ao completo en directo o venres 3 de febreiro (21.00 horas) nun concerto que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra. Participarán como convidados os seis artistas cos que gravou duetos para o disco: Teo Cardalda, Nastasia Zürcher, Silvia Penide, Sheila Patricia, Manoele de Felisa e Brais Morán. A entrada será libre e gratuíta ata completar cabida.

Comentarios