ESTRENOS DE CINE: Humor negro

Turistas chega hoxe ás salas de cine co aval da crítica, que a sitúa como a mellor comedia británica dos últimos tempos. Ben Wheatley dirixe a Alice Lowe e Steve Oram, guionistas do filme, nunha absurda viaxe en caravana polo Reino Unido que acabará converténdose en algo disparatado.

E de Inglaterra a Francia, que trae aos cines Populaire, de Régis Roinsard. Trátase dunha comedia clásica cunha historia de amor no eixo central e que conta a vida de Rose (Déborah François), que quere ser a muller que máis rápido mecanografía do mundo.

Para quen non queira rir, senón todo o contrario, hoxe aterra nas salas galegas un drama dos máis agardados do ano: Inch’Allah. Esta cinta franco-canadiana de Anaïs Barbeau-Lavalette conta a historia de dous médicos que residen en Israel pero traballan a diario en Cisxordania, polo que narran a historia diaria, os controis e as presións que sofren.

Por útimo, un thriller de acción pura e dura na carteleira: El mensajero. Protagonizado por Dwayne Johnson e Susan Sarandon, esta cinta de Ric Roman Waugh conta como un pai se arrisca para axudar ao seu fillo, na cadea.


Estreas de cine español
‘Clara no es nombre de mujer’
Comedia de Pepe Carbajo e que protagonizan Jorge Sanz, Miriam Benoit, Juan Dorá, Esmeralda Moya, Jorge Perugorría e Miriam Díaz Aroca na que un tío tenta arruinar a relación do sobriño e unha moza en tempo récord.

‘15 años y un día’
Película de Gracia Querejeta protagonizada por Tito Valverde, Maribel Verdú e Arón Piper que conta a historia dun rapaz conflitivo ao que a súa nai manda co avó, un ex militar moi ríxido, para reconducilo. A cinta amosa, en forma de drama, os medos reais de ambos.

Comentarios