'Il n'y aura plus de nuit' gaña na sección oficial de Novos Cinemas

O Premio do Público foi para a película Dramarama, de Jonathan Wysocki ► O festival despediu onte a súa V edición
Foto de grupo dos convidados desta edición de Novos Cinemas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de grupo dos convidados desta edición de Novos Cinemas. GONZALO GARCÍA

Novos Cinemas pechou este domingo unha nova edición, a quinta, anunciando o palmarés de gañadores en cada unha das categorías do festival e coa proxección de varios filmes fóra de competición. Deste xeito, a vencedora da sección oficial do festival foi a película Il n"y aura plus de nuit, de Eléonore Weber.

O Xurado Internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, concédelle o Premio Novos Cinemas a este filme "por ser unha película que, a través dunha narración sobria e precisa, convida a unha reflexión poliédrica sobre a relación Norte-Sur, a fraxilidade do individuo así como sobre os novos valores da imaxe levándoos a un lugar no que a ética se desprende de prexuízos para facernos pensar tanto na posición da vítima como na do verdugo", tal e como explicaron durante a lectura do palmarés.

O Xurado Internacional concédelle tamén unha mención especial a Accidental luxuriance of the translucent watery rebus, de Dalibor Baric, "por crear un intrincado universo distópico propio a partir de materiais atopados, unha película que abre as portas da percepción a partir dun minucioso traballo estético. Conxugando psicodelia, labirintos narrativos e composicións visuais imposibles, unha obra de arte pola que deixarse arrastrar". 

Pola súa banda, o Xurado Novo formado por Alba Domínguez, Fernando Areal, Miguel Gómez, María Ramos e Ángeles Vidal, despois da deliberación e o visionado dos filmes a concurso concédelle á mellor dirección da Sección Oficial a: Illum Jacobi, con The trouble with nature "pola súa capacidade de xestión dos recursos e por ser capaz de contar moito con pouco. O xurado novo destaca tamén o risco, o tratamento da linguaxe cinematográfica e que todos os elementos cos que se xoga estean ao servizo do relato". 

Ademais, o Xurado Novo concédelle tamén unha mención especial a Il n"y aura plus de nuit de Eléonore Weber "pola súa capacidade de crear a raíz de elementos dispersos, ademais dun filme, tamén un discurso". Así, destacan que sexa un filme analítico no que "é moi fácil entrar a través do espazo que a cineasta lle deixa ao espectador, no que destaca a figura de directora-autora".

O Xurado da Crítica, formado por Mariona Borrull, Toni Junyent e Ángel Suanzes, concédelle o Premio do Xurado da Crítica a Tal día hizo un año, de Salka Tiziana, "pola súa audacia para rastrexar unha ausencia que se filtra polas fendas dunha realidade familiar sofocante. Unha película tan aberta como as súas paisaxes". Gon Teatro Princpal. Foto de grupo de Novos Cinemas e lectura de palmarés., domingo, 20 dic · 12:00–13:00

Tamén o filme de Javier Fernández Anuciaron tormenta foi premiado nesta edición de Novos Cinemas. Deste xeito, o Xurado Latexos, formado por Manuel Asín, Ramiro Ledo, Xan Viñas e Albert Triviño, outorgoulle o Premio Latexos, que recoñece os traballos que implican especialmente ao espectador e "aceleran o corazón", segundo o define a propia organización do festival. O xurado destacou moi positivamente o rigor na investigación dos documentos da historia oficial na que se basea o filme e o seu contraste co relato do pobo Bubi. "Anunciaron tormenta formula un exercicio pioneiro neste país de rescate da memoria colonial de España e da súa pegada en Guinea Ecuatorial, cuxas consecuencias chegan ata os nosos días. Unha película que nos recorda que preservar a lingua dos pobos é salvar a súa memoria". O xurado salientou o valor artístico das catro películas en competición nesta edición.

Finalmente, o Premio do Público nesta quinta edición de Novos Cinemas é para Dramarama, de Jonathan Wysocki, que aborda o encontro dun grupo de amigos que se despiden do instituto para comezar a universidade.

Pola tarde, fóra das seccións competitivas, o festival despediuse coa segunda sesión de foco ao director murciano Luis López Carrasco, coas proxeccións da curta Aliens e a película El futuro, o debut en solitario de López Carrasco realizada con metraxe atopada, que nos sitúa na festa de celebración dun grupo de amigos trala victoria do PSOE en outubro de 1982. El futuro foi mención especial do xurado no BAFICI de 2014.

A película de peche, que se proxectou ás 20.00 horas, foi My Mexican Bretzel, da directora catalá Nuria Giménez Lorang. Esta película diario recolle a vida dunha muller de clase acomodada, ilustrada polas filmacións caseiras do seu marido, un rico industrial que filmou a súa vida cotiá entre os anos 40 e 60 do século pasado. My Mexican Bretzel recorda aos melodramas clásicos ao estilo Douglas Sirk e levou o premio á mellor película, guión e dirección no FIC Xixón 2019, o premio Found Footage do IFFR Rotterdam 2020 ou o Premio do Público no D'A 2020 (Barcelona).

O palmarés
Sección Oficial
Il n’y aura plus de nuit, Eléonore Weber.

Mellor dirección. Xurado Novo
The trouble with nature, Illum Jacobi.

Xurado da crítica
Tal día hizo un año, Salka Tiziana.

Sección Latexos
Anunciaron tormenta, Javier Fernández.

Premio do Público
Dramarama, de Jonathan Wysocki.

Comentarios