A Illa das Esculturas 25 anos despois

O Consello da Cultura Galega celebra este mércores, na Casa das Campás, unha xornada sobre o parque escultórico que se inaugurou en 1999 na Illa do Covo. "Pontevedra non tivo aínda a confianza necesaria para sacarlle a este proxecto todo o seu proveito", asegura Ramón Rozas

Uns piragüistas pasan tras a peza de Dan Graham na Illa das Esculturas de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Uns piragüistas pasan tras a peza de Dan Graham na Illa das Esculturas de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

 A Illa do Covo transformouse para sempre na Illa das Esculturas hai agora 25 anos. O proxecto, que tiña como comisarios a Antón Castro e a Rosa Olivares, repartía por ese espazo natural, situado a uns minutos do centro da cidade, doce pezas doutros tantos autores de relevancia internacional: Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne e Patrick Poirier, Ulrich Rückriem e Enrique Velasco. 

O Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle este mércores unha xornada a este parque escultórico, financiado pola Xunta de Galicia e despois traspasado ao Concello de Pontevedra, para analizar o que foi a súa execución; a súa historia, marcada pola controversia e por periodos de abandono, e os desafíos que enfronta a partir de agora. O seu coordinador é o licenciado en Historia da Arte, crítico literario e comisario de arte, Ramón Rozas. Terá lugar a partir das 17.00 horas (entrada libre) na Casa das Campás e, á parte de Rozas, participarán un dos comisarios do proxecto, Antón Castro; un dos artistas participantes, Fernando Casás; a comisaria de arte e xestora cultural Paula Cabaleiro e a artista visual Soledad Penalta

Estamos ante un espazo artístico e cultural de primeirísimo nivel que podería dar moito máis de si. Na Península Ibérica non hai outro coma el

"Esta xornada foi proposta por min como membro da sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega aproveitando a conmemoración do 25º aniversario da creación da Illa das Esculturas de Pontevedra", explica Ramón Rozas. "A idea era reflexionar sobre estes 25 anos; sobre o sentido da Illa, e sobre o paso do tempo, que dende inicio foi un elemento protagonista do proxecto xunto coa pedra, co obxectivo de que a actividade sirva tamén para reivindicar este tipo de lugares e contribuír a achegarllos á cidadanía".

A cuestión de fondo é saber en que situación se atopa hoxe o parque escultórico, inaugurado oficialmente o 29 de xullo de 1999. "Eu adoito ser optimista", sinala Rozas. "O que vexo hoxe é un espazo con moitísimas posibilidades, moi recuperado no seu aspecto físico, pero no que as obras dos artistas seguen estando desaproveitadas. A miña opinión é que Pontevedra aínda non tivo a confianza necesaria para sacarlle á Illa das Esculturas todo o seu proveito, todo o seu potencial, cando estamos ante un espazo artístico e cultural de primeirísimo nivel que podería dar moito máis de si".

Pontevedra é unha cidade que leva anos reivindicando a recuperación do espazo público e a cultura como un dos eixes do seu modelo. En poucos lugares se xuntan eses dous aspectos como na Illa das Esculturas

A sensibilidade cara a Illa demostrada polo Goberno local e pola veciñanza é cada vez maior, pero Ramón Rozas bota en falta unha maior divulgación dos contidos do espazo e un maior compromiso por parte do conxunto das administracións en xeral. "A cidadanía participa constantemente da Illa das Esculturas. Dá igual a hora ou o día que vaias, sempre hai moitísima xente. Está claro que se recuperou como un espazo da cidade. Pero hai un potencial artístico, creativo e cultural, que dende as institucións non se ten en conta. Non se foi quen de apostar seriamente por el".

Ramón Rozas a carón da peza de José Pedro Croft na Illa das Esculturas. RAFA FARIÑA
Ramón Rozas a carón da peza de José Pedro Croft na Illa das Esculturas. RAFA FARIÑA

Segundo di, hai que recoñecer un esforzo, nos últimos tempos, por facer limpezas periódicas e por poñer en valor as pezas, por exemplo, coa colocación duns códigos QR que remiten a información sobre cada unha delas. " Con todo, queda moitísimo por facer para aproveitar ese espazo como un elemento central de Pontevedra, unha cidade que leva anos reivindicando a recuperación do espazo público e a cultura como un dos eixes do seu modelo. En poucos lugares se xuntan eses dous aspectos como na Illa das Esculturas". 

Ramón Rozas lembra que este parque escultórico é único en Galicia e practicamente único en España. "Sen ningunha dúbida. Só hai uns poucos proxectos deste tipo, cunha concentración tan grande de primeiro nivel, noutros puntos de Europa e nos Estados Unidos. En España hai fundacións privadas que traballan este campo e en Huesca hai unha experiencia, da súa Deputación, que cada ano vai incorporando unha peza. Pero un proxecto tan pechado, tan concentrado e de tanta calidade... Na Península Ibérica non hai outro coma el".

Penso que nestes 25 anos non se fixo nin unha soa campaña publicitaria da Illa das Esculturas nin en Pontevedra, nin en Galicia, nin no resto do Estado

O principal desafío que enfronta a Illa das Esculturas de cara ao seu futuro segue sendo o de acadar o recoñecemento da súa relevancia. Tanto a nivel institucional como cidadán. "Antes que nada o que habería que facer é apostar claramente por el como un espazo de cultura e de creación artística. A partir de aí poderíase traballar en varias vías". A máis evidente, para o coordinador da xornada do CCG, sería a da promoción e divulgación do espazo. "Penso que nestes 25 anos non se fixo nin unha soa campaña publicitaria da Illa das Esculturas nin en Pontevedra, nin en Galicia, nin no resto do Estado. Sendo como é un atractivo cultural de primeiro nivel".

Ramón Rozas tamén bota en falta unha maior difusión de información no noso propio contexto, a través de visitas guiadas, charlas en centros escolares, etc. "Eu non son tan inxenuo como para pensar que cunha charla nos centros escolares se van acabar os actos vandálicos, pero si que penso que, quizais, cando alguén colle o spray para facer un grafiti, se soubera o que é esa peza ou coñecese ao seu autor, igual ía pintar a outro lado". 

Finalmente estaría tamén a cuestión da dinamización do espazo, por exemplo a través da incorporación de novas pezas. "Isto xa se falaba mesmo antes da inauguración do parque. Solucionaría outras cuestións pendentes como, por exemplo, a evidente falta de mulleres na Illa das Esculturas. Pero está claro que, se non existe unha aposta institucional, non vai saír adiante, cando iso significaría que a xente o vira como algo vivo, como algo dinámico, no que se segue traballando". 

Para atender ao presente e ao futuro do parque escultórico, Ramón Rozas cre que debería existir algún tipo de comisión de seguemento, que o impulsase. "Neste sentido, unha idea a ter en conta sería que se vencellase a Illa das Esculturas co Pazo da Cultura, do que está a un paso. Poderían conectarse dalgunha maneira". 

Comentarios