Melania Cruz, actriz da película 'Ons': "A illa é un reflexo dos personaxes"

O Teatro Principal acolle a proxección de Ons, un filme no que a intérprete comparte protagonismo coa illa
Melania Cruz. DP
photo_camera Melania Cruz. DP

As borrascas e as tempestades da illa de Ons son protagonistas no filme que se proxecta este luns no Teatro Principal de Pontevedra. O director Alfonso Zarauza presenta estes días nos cines a súa nova película, Ons, e o Principal acollerá a súa estrea na Boa Vila, despois de que se pasase en exclusiva durante o Culturgal. A actriz Melania Cruz interpreta o papel de Mariña, cuxo matrimonio pasa por un mal momento e busca nas illas atlánticas un refuxio no que mellorar a relación. Porén, a trama vaise complicando a medida que a meteoroloxía de Ons se volve máis violenta coa chegada do inverno. As entradas xa están esgotadas en ataquilla.com, mais poden adquirirse tamén na billeteira do Teatro Principal ata unha hora antes da proxección, que terá lugar ás 20.00 horas. Haberá dous pases, un esta tarde e outro o martes, no que estarán o director e a actriz protagonista.

Quen é máis protagonista en Ons, vostede ou a illa?

A illa está moi presente, é un reflexo do que lles acontece internamente aos personaxes, que non son quen de comunicarse verbalmente. A nivel de sensacións e de emocións, a illa e a súa climatoloxía funcionan como se metésemos unha cámara no interior dos personaxes, especialmente no que interpreto eu.

O filme non amosa a imaxe da illa como destino idílico de verán, senón que se ve moita treboada e néboa. Están os personaxes atormentados?

Como na vida, hai veces nas que queres dicir moitas cousas e non es quen de dicilas no momento que ocorren, polo que se van enquistando. Cando máis tarde queres expresalo non atopas o como nin o cando entón xéranse certas situacións.

A película fala dunha parella que se retira na illa, unha viaxe que logo se complica. Como viviu vostede ese ‘matrimonio’ con Antonio Durán Morris, que encarna ao seu home?

Foi moi fermoso e moi intenso dende o comezo, xa nos ensaios previos que fixemos en Santiago de Compostela, antes de viaxar ao escenario. A illa nesa época do ano ten unha enerxía moi especial. É moi diferente visitala no período estival, con meteoroloxía amable, a facelo en pleno outono, con temporais e un tempo cambiante. O filme estivo moi supeditado ao tempo, pero esta foi unha decisión que se tomou dende o principio. O propio Alfonso (Zarauza), que ten un grande respecto polo traballo actoral, tiña claro que a rodaxe ía ser moi particular. A produción apoiouno totalmente e fíxose algo que non se fai normalmente, que é non seguir o plan de rodaxe establecido. Dende o principio sabiamos que ata tres horas antes non se sabía que secuencia se ía gravar porque dependíamos do tempo que fixera. A meteoroloxía da illa é moi variable nesa época do ano. Por un lado é estupendo, porque che permite facer escenas de verán ou de inverno no mesmo día, parece que pasas polas catro estacións en cuestión de horas, pero tamén nos obrigou a eses cambios. Moverse na illa, cando é un espazo protexido e hai só dous vehículos pickup para transportar o material e o equipo é difícil. Pero foi un esforzo fermoso que mereceu a pena.

Coñecía a illa en inverno?

Eu en verán estivera un par de veces, de feito fora antes con Alfonso Zarauza para tratar con persoas de alí, como Pepe de Miro, que nos ensinou lugares aos que non chegaríamos se non fose por el, que coñece o lugar moi ben. Foi toda unha experiencia porque axudou moito á hora de entrar na psicoloxía dos personaxes. Ese clima vaite levando sen que te decates por lugares inesperados.

Estiveron tamén en Bueu presentando o filme.

Eu non puiden ir pero durante a rodaxe tratáronnos como se fósemos familia. Na illa só hai dous restaurantes que abren no verán e a xente de Casa Acuña tratounos marabillosamente, sempre pendentes de que estiveramos ben.

Canto tempo tiveron que estar alí para a rodaxe?

Alí estivemos unhas seis semanas, cun par de saídas da illa algúns días puntuais.

Hai uns anos preguntábanlle nunha entrevista por unha película que lle gustase e falaba de Los Fenómenos, de Zarauza. Como foi traballar con el?

Si, eu xa seguía a Zarauza por Encallados ou Los Fenómenos. Penso que el ten unha forma de traballar cos actores moi sutil, dáche moita liberdade pero, ao mesmo tempo, achega ferramentas e materiais, creando as atmosferas precisas xunto co resto do equipo para que actoralmente poidas chegar aos lugares polos que el quere que transites como personaxe. Sen embargo, non impón as cousas, escoita moito e ten a capacidade de implicar coa súa paixón e o seu bo facer ao equipo do que se rodea.

Fálase do músculo do audiovisual galego. Comparte a opinión sobre a relevancia e o bo traballo dos actores e actrices galegos e a industria en xeral?

Compártoo totalmente. Creo que hai unha variedade moi grande de propostas de persoas que teñen linguaxes moi diferentes e queren contar historias distintas de maneira diversa. A diversidade é necesaria e por iso as institucións deben apoiala como se merece. Con todo o que está acontecendo neste 2020 a cultura é unha das áreas máis prexudicadas por diversos motivos.

A película proxéctase en Pontevedra esta tarde e o martes. Vai poder estar vostede?

Hoxe non, pero estarei o martes con Alfonso Zarauza.

Alfonso crea atmosferas para que poidas chegar aos lugares polos que quere que transites como personaxe

Comentarios